BENGALA TEATRO FÍSICO
Idade recomendada: 2 anos
Duración: 60 min
Lingua: Galego
ALICIA WANTS TO é unha mistura de realismo máxico (inspirado libremente en Alicia no país das marabillas) e crueza social (inspirado libremente na película Mommy de Xavier Dolan) que nos conta a historia de Alicia, unha adolescente que sofre problemas coas drogas e unha posible situación de abuso. A peza comeza no momento no que é expulsada dun centro de menores e se atopa de novo con Juana, a súa nai.
Ambas son mulleres da linde, da fronteira, do borde, que tratan de sobrevivir nunha sociedade atravesada pola exclusión social, os abusos, a pobreza e un sistema xudicial que non protexe a todos por igual.
A obra está construída a través dunha partida de xadrez na que unha narradora
formula diferentes situacións, deixándolle ao público elixir –votando co seu
programa de man– algunha das decisión que ten que tomar Alicia e, polo tanto, como continúa a historia.
Esta dinámica converte o público en parte activa e responsable do destino da moza, á vez que fai referencia ao feito de que non todas as persoas parten do mesmo lugar nin contan coas mesmas pezas para enfrontarse á partida que é a vida.
A historia culmina cun xuízo, no que aparecen fragmentos auténticos do xuíz Pinar no caso Juana Rivas, onde se pon evidencia a violencia da xustiza patriarcal que levará ás nosas protagonistas, Alicia e Juana, ao xaque mate.