ALEJANDRA ESCOLANTE E QUINTETO INVENTO

DATOS BÁSICOS

DE LUGARES E ÓRGANOS

Cando sopra o vento. Música para órgano e quinteto de vento

Adrián Castedo Alonso, clarinete
Sara Fernández Precedo, óboe
Óscar Galán Adega, fagot

Patricia González Moreira, frauta
Alma Sarasola Pontón, trompa
Alejandra Escolante Mujico, órgano

Obras de Cabezón, Arauxo, Olagüe, Bach, Haendel, Milhaud e Tomás Luis de Victoria, entre outras

De Lugares e Órganos continúa fiel aos seus obxectivos de fomento do potencial creativo das organistas e formacións que traballan no noso país, así como de valorización das calidades e posibilidades sonoras dos nosos órganos históricos. Deste xeito, a programación aposta novamente por aquelas propostas que traspasan épocas e estilos, na busca de sutís combinacións e arranxos instrumentais de músicas atemporais. Nesta ocasión, Alejandra Escolante, unha das máis prezadas organistas do panorama musical galego, canda os membros do Quinteto InVento, un grupo de música de cámara integrado por talentosos e talentosas intérpretes profesionais, interpretarán un variado programa de pezas no que se contrastan e alternan as múltiples sonoridades do órgano de tubos co son brillante do quinteto de vento.

Adaptar ou reinterpretar obras diversas, vocais ou orquestrais, a un conxunto de instrumentos de vento, é unha práctica que nos conecta con épocas pasadas e con instrumentos como as cornetas, sacabuxas, frautas ou baixóns dos menestreis renacentistas, e tamén cos óboes, clarinetes, trompas e fagots das Harmonienmusik do século XVIII. Os primeiros adaptaban pezas vocais polifónicas, sacras ou profanas. As segundas fixeron algo equivalente co repertorio máis en voga na altura, como as máis famosas arias de ópera. Continuadoras desta tradición centenaria, as músicas do quinteto InVento, canda o órgano, farán vibrar o aire da Igrexa da Universidade con obras contrapuntísticas que abranguen desde o Renacemento até o século XX, versións en espello con arranxos de pezas vocais e instrumentais para quinteto de vento e órgano, e mesmo versións conxuntas para instrumentos antigos e modernos.

Entradas: 
  • Despacho de billetes da Zona C. Punto de Información Cultural. De martes a sábado, de 11 a 14 e de 16 a 19 h. Tel.: 981 542 462
  • De non se esgotaren, tamén se poderán recoller o propio día da actividade no lugar onde esta se celebre, desde unha hora antes do seu comezo.

As invitacións serán válidas ata 10 minutos antes do inicio da actividade. A partir dese momento, a organización resérvase o dereito a empregar as localidades non ocupadas.

Funcións: 
Sábado, 8 Abril, 2023
20:00
Igrexa da Universidade de Santiago de Compostela