UTÓPICAS. ARTE E TERRITORIO

DATOS BÁSICOS

“Utópicas. Arte e Territorio”, é un proxecto producido polo Auditorio de Galicia e deseñado e coordinado por 7H Cooperativa Cultural que reivindica a importancia da cultura para fomentar vínculos comunitarios seguindo o formato dos laboratorios cidadáns. O proxecto botou a andar o pasado mes de marzo propoñendo unha convocatoria de ideas aberta á cidadanía a que se presentaron trinta propostas das que foron cinco as seleccionadas. O obxectivo é situar á cidadanía de Compostela no centro da produción artística e comisarial e converter a institución nun lugar de participación, pensamento e acción cultural.

As 30 candidaturas recibidas, todas de grande valor e vinculadas a distintos eixes temáticos (como as identidades, os feminismos, a memoria colectiva, a loita social ou as ruralidades) teñen xerado interese especialmente no tecido asociativo, tanto veciñal, como cultural e activista. Foron cinco as seleccionadas.

Rúas da memoria* é un laboratorio de investigación, transmisión e difusión do traballo feminino na industria de Santiago que nace dentro de Utópicas como resposta a un baleiro: a ausencia de mulleres no relato sobre a memoria económica da cidade. Tras un proceso de reflexión e investigación documental que evidenciou os paralelismos entre a destrución material e arquitectónica das fábricas e o descoñecemento sobre o papel das mulleres nelas, as integrantes deste equipo realizaron encontros e entrevistas grupais a un grupo de traballadoras de Cuétara, Leyla Española e Manufacturas Geyfe, empresas representativas dos diferentes espazos fabrís xa desaparecidos con maioría feminina no seu cadro de persoal. Os seus testemuños, memoria viva dun capítulo esquecido do noso pasado, permitiron comezar a elaborar un relato, que pretende ser o primeiro paso dun proceso encamiñado á recuperación e reivindicación da historia de cada unha delas.

*Os PDF descargables de Cuetara, Geyfe e Leyla, elaborados polo equipo de Rúas da memoria, están dispoñibles ao final desta páxina. Este traballo de documentación, xunto coas distintas pezas e instalacións presentes na sala de exposicións do Auditorio, procuran contrarrestar a invisibilización dos oficios e tarefas desempeñadas por mulleres, especialmente en eidos masculinizados como os da produción fabril, indagar e divulgar as experiencias e condicións de traballo nas fábricas compostelás e, finalmente, reivindicar a contribución das mulleres ao benestar colectivo.

Rúas da memoria son Natalia Agraso Fábregas, Julia González Yánez, Raquel López Fernández e Encarna Otero.

Corpos en Resistencia. É un proxecto de carácter transversal, antirracista e decolonial. Esta proposta de creación colectiva busca deseñar un espazo de expresión, reflexión, reivindicación e reconciliación para a poboación migrante e racializada que vive en Compostela. As instalacións e accións que conforman a proposta son resultado de seis meses de reunións. O Buzón de quejas antirracista visibiliza testemuños reais recollidos en varios puntos da cidade, as entrevistas audiovisuais poñen de manifesto as inxustizas vividas como consecuencia dos estereotipos e do racismo estrutural e Porta de embarque e Locutorio trasladan afectos e memorias propios da equipaxe emocional de quen deixa atrás a súa terra. Ademais, a música e a danza foron ferramentas de expresión, sensibilización e visibilización no Espazo de expresión na sala de exposicións do Auditorio de Galicia.

Corpos en resistencia son Michele Alesi, Vicky Campoamor, Laura Caneira, Martha Franco Pinilla, Saya Mohamed Matar, Yamini T. Prabhu Barretto, Lorena Relión Ortiz, Yara Rodríguez Gómez e Aranxa Vicens.

Libros que fan barrio. Poderiase dicir que Libros que fan barrio é un proxecto que ten como fin a creación dunha biblioteca de rúa no barrio de San Pedro, pero é moito máis ca iso. É unha reivindicación das rúas como extensión das nosas casas fronte á hostilidade da turistificación. A idea xorde fai tempo por iniciativa dun grupo de veciñas pero non puido levarse adiante por trabas da Administración. Porén, a idea non morre. Durante meses traballouse na rúa, man a man coa veciñanza de San Pedro, falando, escoitando, facendo actividades como a solta de libros, a escrita colectiva ou recitais de poesía. Libros que fan barrio non é o moble que se ve na sala de exposicións, nin a praza na que se vai colocar. Libros que fan barrio é unha maneira de entender como nos relacionamos, un desexo por facer da cidade un espazo máis quentiño.

Libros que fan barrio son Verónica Álvarez, Sofía Caamaño Deus, Lucía Dapena Barba (Luca), Ana Gil Rodríguez, Julia Sánchez-Biezma, Lucía Santiago Sanmiguel, Mariana Senín Santiago e Mercedes Vázquez Bertomeu.

Percorrendo a memoria. Este proxecto constrúe un relato colectivo sobre Fontiñas e Concheiros a partir do intercambio de vivencias entre veciñas maiores de 40 anos. A proposta rescata o patrimonio inmaterial do barrio a partir da escoita de experiencias en primeira persoa de mulleres que habitaron ou habitan nel. Xera un espazo no que as mulleres, quen normalmente quedan en segundo plano nas historias oficiais, son protagonistas e creadoras. Para recoller as memorias, desevolvéronse sesións participativas e realizáronse entrevistas individuais seguindo a metodoloxía do mapeo colectivo, inspirada na deseñada por Iconoclasistas. Nas reunións reflexionouse sobre os límites físicos e simbólicos do barrio, os cambios sufridos nas últimas décadas ou a vida no cotiá mediante a identificación de espazos, experiencias e percorridos sobre un plano da zona. O resultado en sala son tres mapas emocionais, complementados por outras tantas pequenas pezas audiovisuais, que representan a mirada subxectiva das participantes ao longo da historia de Fontiñas e Concheiros en tres etapas marcadas pola construción do polígono de vivendas nos anos 90.

Percorrendo a memoria son Martín Agrelo Janza, Cristina Bandín Potel, Content(a) me tienes, Lucía Escrigas, Rosalía Macías Tarrío e Giovanna Olivetti Rodrigues.

Na procura dun bosque. Na procura dun bosque constrúese a partir da necesidade compartida polas mulleres participantes de repensar os espazos urbanos, abríndoos á natureza e ao xogo como mecanismo básico de interacción coa contorna e co resto de seres vivos que a habitan. Parte das horas acumuladas acompañando crianzas en espazos de xogo desaboridos, artificiais e perigosos, onde as interaccións se ven dificultadas polo ruído do tráfico ou por un deseño que se interpón entre as persoas. Este grupo de traballo reclama unha perspectiva feminista na construción do espazo público cunha serie de intervencións simbólicas que reclaman determinadas melloras en outros tantos espazos públicos, así como na recollida de elementos para a construción da experiencia sensorial que presentan na sala. Unha parte do espazo expositivo, tradicionalmente vedado ás crianzas, será ocupado co seu xogo. O proceso, sempre aberto, aspira a recoller as impresións e achegas de toda persoa que queira contribuír na procura deste bosque de todas.

Na procura dun bosque son Elena Cacabelos, Comba Campoi, Ana Fernández, Sara Murados, Vanesa Sánchez Villaverde e Mirari Urruzola.

 

 

Entradas: 
  • HORARIO Sala Isaac Díaz Pardo
  • Todos os días de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 h (os días de concerto a sala de exposicións pecha ás 19.00 h)
  • A sala permanecerá pechada os días 24, 25 e 31 de decembro e 1 e 6 de xaneiro
  • Entrada de balde

PROTOCOLO DE ACCESO SEGÚN MEDIDAS SANITARIAS VIXENTES

Funcións: 
Martes, 22 Novembro, 2022 a Domingo, 15 Xaneiro, 2023
Auditorio de Galicia