A Mostra Internacional de Cinema Etnográfico (MICE) do Museo do Pobo Galego celebrarase en Santiago de Compostela do 10 ao 15 de marzo. Tras dúas décadas de traxectoria, a MICE reafirma a súa identidade como un espazo singular centrado no cinema etnográfico e na antropoloxía visual, ao tempo que consolida unha orientación que a sitúa como territorio de creación e experimentació ligado ao rexistro antropolóxico.
A programación da MICE 2026
Nesta edición, a MICE dedica unha retrospectiva a Maddi Barber, cun percorrido integral por unha filmografía na que paisaxe, corpo e memoria dialogan a través de formas cinematográficas híbridas e experimentais, e presenta o foco dedicado a Zinema Auzolanean, experiencia de cinema colectivo desenvolvida por Hiruki Filmak, que propón unha reflexión sobre autorrepresentación, procesos comunitarios e metodoloxías de creación compartida.
A MICE reforza de maneira especial a súa vinculación co tecido universitario, achegándose ao público máis novo dende a experiencia do consumo cinematográfico e promovendo o coñecemento das prácticas e olladas do cinema etnográfico. Neste marco insírense a sesión desenvolvida en colaboración co Cineclube da Facultade de Ciencias da Comunicación (FACOM) e a sesión realizada xunto ao Festival Novos Cinemas, dedicada á mostra dos traballos da súa sección Aula en colaboración coa Universidade de Vigo.
Esta liña de diálogo esténdese tamén ao labor desenvolvido polos cineclubes, entidades fundamentais na construción de espazos de pensamento, formación de públicos e circulación cinematográfica. A sesión Tránsitos, organizada en colaboración co Cineclube de Compostela, consolídase como un dos espazos de intercambio máis singulares do festival.
O festival reforza a súa dimensión como espazo de creación e investigación a través de iniciativas como SONORA · Residencia de escoita, da que nace Redeiras de A Guarda, presentada na sesión inaugural, e coa incorporación de Profanacións, novo territorio dedicado á creación, investigación e acompañamento de proxectos en fases iniciais.
O traballo arredor dos procesos e da materialidade do cinema concrétase tamén no taller intensivo de iniciación ao cinema en 16 mm, desenvolvido en colaboración coa ECAM, e na reactivación de Carrete 36, iniciativa do colectivo artístico Ciclón que articula prácticas de creación, rexistro e autoedición a través do formato analóxico.
O conxunto complétase cun programa de actividades que activan zonas de encontro entre disciplinas e prácticas, consolidando un ecosistema no que proxeccións, procesos, formación e reflexión funcionan de maneira integrada.
As seccións competitivas articulan un dos núcleos centrais da programación, configurando un espazo de visibilización para obras que dialogan coa antropoloxía visual, o rexistro do real e as linguaxes audiovisuais contemporáneas.
A Sección Galicia reafírmase como un espazo privilexiado para observar as múltiples direccións do cinema galego actual. A selección desta edición debuxa un percorrido que atravesa prácticas de animación, ensaio audiovisual, cinema sensorial e propostas de forte vinculación co territorio.
Entre as obras programadas atópase El cuerpo de cristo, de Bea Lema, presentada como estrea en Galicia, unha peza que explora a experiencia da saúde mental e as tensións entre crenza, percepción e institución. Xunto a ela, Alboroque, de Sabrina Fernández Casas, propón unha lectura política e ecolóxica atravesada pola relación entre Galicia e Suíza, mentres que Furada Negra, de Berio Molina, constrúe unha aproximación poética ás covas como espazos de memoria, refuxio e imaxinario.
A sección complétase con A voz de todas as cousas, de Daniel Pérez Silva, retrato sensorial da cidade da Coruña a través da música e do ritmo urbano, e La historia todavía no conoce mi nombre, de Diana Toucedo, tamén estrea en Galicia, unha proposta que dialoga co territorio mexicano dende unha perspectiva simbólica, identitaria e política.
O conxunto das obras —marcado pola diversidade formal e conceptual— evidencia a vitalidade do panorama galego contemporáneo e a súa capacidade para dialogar con contextos, problemáticas e sensibilidades actuais.
A Sección Internacional mantén o seu compromiso cun cinema sen restricións de xénero nin formato, cunha marcada orientación antropolóxica e unha atención especial ás prácticas máis innovadoras e arriscadas.
Nesta edición, a selección reúne obras procedentes de distintos contextos xeográficos e culturais que expanden as formas do relato e os dispositivos de rexistro do real. Rain Does Not Make Us Happy Anymore, de Yashasvi Juyal, sitúa a mirada nos Himalaias para explorar memoria, desaparición e territorio. Pola súa banda, Seen From Here, I Feel Like Belonging, de Emilia Auhagen-Kuoppamäki e Leon Emonds-Pool, constrúe unha reflexión sobre arquivo, ciencia e paisaxe ao longo de varias décadas.
A presenza de Percebes, de Laura Gonçalves e Alexandra Ramires, introduce o rexistro animado como forma de observación do territorio e das súas transformacións, mentres que The Inhabitants, de Maureen Fazendeiro, propón unha aproximación crítica ás dinámicas de exclusión, migración e conflito racial na Europa contemporánea.
A sección complétase con títulos como El día que tal, de Pablo Casanueva, ampliando un mapa de propostas que dialogan co cinema etnográfico dende estéticas e dispositivos diversos.
Apoios e colaboracións
A 21 Mostra Internacional de Cinema Etnográfico está organizada polo Museo do Pobo Galego e conta co apoio do Concello de Santiago, a Deputación da Coruña e a Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia e Acción Cultural Española (AC/E).