21 MICE · SECCIÓN GALICIA

DATOS BÁSICOS

A sesión Galicia reúne unha selección de pezas realizadas por cineastas vinculados ao contexto galego que dialogan coas liñas de interese da MICE: o cinema como ferramenta para explorar a memoria, o territorio e as formas de vida que configuran a nosa identidade colectiva. A través de miradas diversas e linguaxes cinematográficas contemporáneas, estas obras achegan historias e investigacións visuais que conectan o local co universal, abrindo espazos de reflexión sobre o presente e sobre as múltiples maneiras de habitar e representar o país.


El cuerpo de cristo
Bea Lema
España
2025 | 10 min.
Adela padece un trastorno mental que non recoñece como tal, o que a leva a procurar respostas na relixión e nos ritos populares. Séntese incomprendida tanto pola súa familia como polo ámbito médico e psiquiátrico, onde a medicación aparece como remedio absoluto. Mais ela precisa algo distinto: que alguén escoite o que realmente lle sucede. Cre estar vixiada, sente unha presenza que ás veces a toca e a fere. O único espazo onde a súa realidade semella ter cabida é o relixioso, o que a empurra a visitar unha curandeira á que lle confesa cando e como comezou todo.      

 

Alboroque            
Sabrina Fernández Casas
Suíza, Galicia
2025 | 14 min.
Brigadas activistas organizan unha resistencia de mans verdes fronte ás plantas invasoras e á vexetación descoidada que ameaza as aldeas galegas. As limas coas que afían as motoserra proveñen dunha fábrica metalúrxica en Suíza. Entre estes dous territorios tecese unha narrativa inesperada, atravesada pola migración e o activismo ecolóxico, onde o persoal e o político dialogan constantemente.

Furada Negra    
Berio Molina
Galicia
2024 | 22 min.
Dende a propia formación da Terra, foron tantos os usos das covas que calquera enumeración resulta necesariamente incompleta e íntima. Abeiro durante a estación do monzón. Calendario de basalto. Cárcere, lugar de tortura. Cónclave de salanganas, columbarios rupestres, refuxio de criaturas míticas ata hoxe. Dominio dos morcegos. Agocho para quen foxe da persecución política ou relixiosa. Salóns de baile iluminados por estalactitas. Hai grutas que murmuran con voz suave; outras provocan arrepíos. Así, cun tremor na raíz da espiña dorsal, comezan estas memorias do inframundo.    
 

 
A voz de todas as cousas            
Daniel Pérez Silva
Galicia
2025 | 20 min.
Catro músicos tocan nun club da cidade. Unha cidade cun ritmo, unha luz e un son propios. Desa pulsión aliméntanse eles, e tamén o propio Daniel Pérez Silva, que constrúe un retrato sensorial da Coruña, montado cunha cadencia prodixiosa. Como nun concerto de jazz —e como na vida mesma—, a película foxe dos rigores academicistas e das narrativas convencionais: as súas notas son libres e vibran ata o amencer.

La historia todavia no conoce mi nombre            
Diana Toucedo
Galicia
2025 | 17 min.
Un nahual emerxe en forma animal para lanzar unha advertencia: a terra de Yucatán está a ser ferida e profanada. Mentres avanza o megaproyecto do Tren Maya, Falú enfróntase á súa identidade e ao seu sentido de pertenza, atrapado entre a preservación das súas raíces e as forzas que ameazan con borralas.

Acceso: 
  • TEATRO PRINCIPAL: con antelación no despacho de billetes da Zona C (Praza de Cervantes. De martes a sábado, de 11 a 14 e de 16 a 19 h. tel.: 981 542 462).  Tamén se poden coller na billeteira do Teatro desde 1 hora antes do comezo das proxeccións.  

  • NUMAX: na web ou na billeteira do cinema

  • MUSEO DO POBO GALEGO: na recepción do Museo desde 1 hora antes do comezo da proxección.

Info práctica: 
Mércores, 11 Marzo, 2026
20:30
Teatro Principal