20 MOSTRA INTERNACIONAL DE CINEMA ETNOGRÁFICO

DATOS BÁSICOS

A Mostra Internacional de Cinema Etnográfico Museo do Pobo Galego celebra do 12 ao 16 de marzo o seu vinte aniversario con medio cento de proxeccións, actividades paralelas e programación para escolares. A MICE reunirá en Santiago de Compostela a cineastas, antropólogos e público xeral nunha cita que suma dúas décadas de compromiso coa divulgación cultural, coa creación de espazos de diálogo entre o cinema e a antropoloxía e coa promoción de novas miradas sobre a realidade social. Unha traxectoria avalada por case 800 cineastas e profesionais do cinema e ao redor de 20.000 persoas que levan participado da Mostra nestes vinte anos. 

13 filmes nunha sección oficial con predominio de realizadoras 

Esta será a décima edición da MICE como festival internacional con seccións competitivas, cun total de 13 filmes a concurso doutras tantas nacionalidades e cun xurado integrado pola doutora en Antropoloxía Social Bibiana Martínez Álvarez, o docente, crítico e programador de cinema Severiano Casalderrey e unha das fundadoras e codirectora do Porto Femme – Festival Internacional de Cinema Rita Capucho

Entre os trece filmes7 deles dirixidos por mulleres, que competirán polo Premio AGANTRO á excelencia antropolóxica, veremos as estreas en España de A s’Orgolesa, a peza de Davide Melis sobre o Canto a Tenore cerdeño; Eros, o documental de Rachel Daisy Ellis sobre os moteis do amor en Brasil; o filme Kongo, no que a cineasta Daiana Araujo indaga sobre o que é o ser cubano; e a peza documental do francés Thivolle Lo Le boxeur chancelant

Ademais, a MICE acollerá a estrea en Galicia de Cuerpos en tránsito, de Mario Moreno Iglesias, sobre procesos de expresión e reconstrución das masculinidades proxectadas en torno aos rituais festivos ibéricos; o filme Silence of Reason, de Kumjana Novakova, que narra a través de arquivos e testemuños a tortura e violacións sufridas polas mulleres durante a guerra en Bosnia e Herzegovina; e Togoland Projections, no que o director, Jürgen Ellinghaus, amosa ao público actual de Togo material cinematográfico rodado alí durante a antiga era colonial. Competirán tamén neste capítulo internacional os filmes A Savana e a Montanha, de Paulo Carneiro, sobre a loita creativa dos habitantes de Covas do Barroso, no norte de Portugal, contra os plans da empresa británica Savannah Resources; e o filme portugués Tão pequeninas, tinham o ar de serem já crescidas, de Tânia Dinis. 

Na sección oficial, tamén catro producións galegas que optarán ademais ao Premio MICE ao Mellor filme etnográfico galego: Resonancias, de Diana Gonçalves, Aurora, de Area Erina, Memoria de Soutelo, de Xoán Bregua e Corre o vento, de Paula Fuentes e Guillermo Cabrera. 

Ademais, todas as películas a concurso optarán tamén ao Premio CREA, outorgado pola Asociación Galega de Profesionais da Realización; e ao Premio do Público. A cerimonia de entrega de galardóns terá lugar o domingo, 16 de marzo, ás 12:30 horas no Museo do Pobo Galego, nun acto presentado pola poeta María Lado. 

Acceso: 

ENTRADAS PARA CADA SEDE:

  • TEATRO PRINCIPAL: con antelación no despacho de billetes da Zona C (Praza de Cervantes. De martes a sábado, de 11 a 14 e de 16 a 19 h. tel.: 981 542 462).  Tamén se poden coller na billeteira do Teatro desde 1 hora antes do comezo das proxeccións.  

  • NUMAX: na web ou na billeteira do cinema

  • MUSEO DO POBO GALEGO: en Vivetix Museo do Pobo Galego e  na recepción do Museo desde 1 hora antes do comezo da proxección.

Info práctica: 
Mércores, 12 Marzo, 2025
Varios lugares