19ª MOSTRA INTERNACIONAL DE CINEMA ETNOGRÁFICO (MICE)
SESIÓN INAUGURAL
586 cantos, unha homenaxe a Dorothé Schubarth
A sesión inaugural da 19ª Mostra Internacional de Cinema Etnográfico ten unha muller como protagonista. O mércores, 20 de marzo, ás 20 horas, o Teatro Principal acollerá a estrea de 586 cantos. Un evento único, impulsado polo Festival e o Museo, que será unha homenaxe ao legado da etnomusicóloga suíza falecida en 2023 Dorothé Schubarth, e o seu labor de antropoloxía audiovisual, razón de ser da MICE.
O punto de partida é o valiosísimo material de arquivo depositado no Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade (APOI) do Museo do Pobo Galego, coas gravacións sonoras, fotografías, transcricións de textos e partituras procedentes do traballo de campo levado a cabo en Galicia entre os anos 1979 e 1984 por Schubarth, coa colaboración de Antón Santamarina, e que foron a base do Cancioneiro Popular Galego.
No musical, a posta en escena no Teatro Principal contará co traballo de Richi Casás, quen edificou a súa traxectoria artística nas gravacións que Dorothé Schubarth recolleu na casa da súa avoa Rosa. Sobre esa herdanza, o saxofonista elaborou unha novidosa proposta na que conflúen as pandeiretas, o jazz e os ritmos latinos. El, xunto a Frank Barcia, Tania Caamaño e Antía Ameixeiras, serán os responsables dunha actuación musical que se sincronizará en directo coa montaxe visual que realizarán para a MICE Laura Piñeiro e Fran Rodríguez Casal, cineastas novísimos que forman parte da Asociación Memoria e Cinema.