Zona C. Punto de Información Cultural

A Zona C. Punto de Información Cultural inaugurouse en maio do 2021 no edificio da antiga Casa do Concello na Praza de Cervantes (Preguntoiro, 1). Trátase dun espazo multidisciplinar que acolle o principal punto de venda de entradas de Compostela Cultura (Auditorio de Galicia e Teatro Principal), ademais de intervencións artísticas e actividades diversas.

Enderezo
Preguntoiro, nº 1 (Praza de Cervantes)
Teléfono: 981 54 24 62
Horario
De martes a sábado, de 11.00 a 14.00 e de 16.00 a 19.00 h
En agosto ou festivos o horario pode cambiar
 
Zona "C" [2007-2019]. San Domingos de Bonaval
Inaugurada o 13 de marzo de 2007 como espazo de intervención para a arte emerxente, a Zona C habitou San Domingos de Bonaval ata a reforma integral do Museo do Pobo Galego en 2019. 
Nos seus primeiros anos, o espazo acolleu proxectos de intervención artística e de comisariado —estes últimos en colaboración co Máster de Arte, Museoloxía e Crítica Contemporáneas da USC—, consolidándose como un lugar de referencia para propostas que non atopaban encaixe nos circuítos expositivos habituais. Dependente da Concellaría de Acción Cultural do Concello de Santiago e xestionada desde o Auditorio de Galicia, desenvolveu unha programación aberta á experimentación e á reflexión contemporánea.
 
En 2015 púxose en marcha a primeira Convocatoria pública de creación en artes visuais, nas modalidades de proxectos de intervención artística, comisariado e comunicación gráfica. A selección, a cargo dun comité de persoas expertas, deu lugar a unha programación que reforzou o carácter do espazo como contedor vivo, en diálogo cunha cidade que aspira a ser foco creador e capital cultural permanente.

Como lugar de intercambio de ideas, a Zona C acolleu tamén encontros arredor de novas formas de mediación cultural, coa participación de profesionais como Joana Hurtado (Can Felipa), David Rodríguez "Tina Paterson" ou a editora portuguesa Bárbara Bulhosa, entre outras voces.

Entre 2007 e 2015 interviñeron no espazo Juan Carlos Bracho, Suso Fandiño, Mauro Trastoy, Santi Jiménez, Marga Crespo, Manuel Eirís, Rita Rodríguez (con comisariado de Ana Justo Rodríguez), Amaya González, Sara Fuentes Cid, Montse Rego, Jesús Madriñán (comisariado por Clara Rodríguez Cordeiro), Esther Ruiz de Pablos, Antía Moure, Nuria Ruibal (comisariada por Ana Amado), o Colectivo Batbirulau, Carolina Caluori (comisariada por Basilisa Fiestras), Iván Prieto (comisariado por Cristina Moreira), Enrique Lista (comisariado por María Marco Covelo), o Colectivo As Churras, Jesús de la Iglesia (comisariado por Rocío Figueroa Guisande), Christian García Bello (comisariado por Candela Rajal Alonso), o Colectivo Ergosfera (comisariado por Cristina Canto), Carolina Cruz Guimarey (comisariada por Clara Rodríguez Cordeiro) e María Castellanos e Diego Vites (comisariado por Ania González).

Nesta etapa tamén tiveron lugar proxectos transversais como Cidade Interpretada, Ukelele Kit Project e Curtocircuíto, ademais de concertos e propostas de microteatro.

De 2016-2019 o espazo acolleu os proxectos resultantes de novas convocatorias de creación en artes visuais seleccionados novamente por un comité de persoas expertas en arte e cultura. Entre eles atópanse as propostas de Neves Seara, Jacobo Bugarín, Carlos Alba e Marta Bran. No ámbito do comisariado desenvolvéronse tamén os proxectos de María Marco Covelo con obra do artista Joan Morera Arbones e o da comisaria Desirée Vidal Juncal con obra dos colectivos Oficina Arará (PT), Club del dibujo (AR) e O botafumeiro (GZ). Catarina Dantas realizou a comunicación gráfica. Nas seguintes convocatorias incorporáronse intervencións de Amine Asselman, Olalla Castro e Nicoleta Moise, Marcos Covelo, Alejandra Pombo, Aarón Sanromán, Brais Rodríguez e Rosa Neutro (con comisariado de Rosendo Cid).

Zona C · Punto de información cultural [2021-]. Praza de Cervantes

A apertura do novo espazo na Praza de Cervantes —nun edificio catalogado como BIC que foi a primeira sede do Concello de Santiago— marcou o inicio dunha nova etapa, na que se retoma a convocatoria pública de proxectos e se amplía a súa función como punto de encontro cultural.

As primeiras intervencións no novo espazo tiveron lugar en 2022, co traballo das artistas Raquel Álvarez, Marina Aradas, Tamara Goberna, Andrea Mosquera e Lucía Perdiz, baixo o comisariado de Aldara Vázquez e Iris Rodríguez. A estas propostas sumáronse as de Fran Rodríguez Casal, Mar Ramón Soriano e Julia Huete, así como a residencia literaria de Constance Hurlé.

Nas convocatorias seguintes incorporáronse proxectos de Nerea Cordeiro, Javier Martín —comisariado por Sergio Meijide— e Ana Moure Rosende, integrante do colectivo La Cuarta Piel.

O espazo complétase cunha programación de mediación e proxectos singulares que dialogan coa creación contemporánea e coa memoria cultural da cidade, con iniciativas como as dedicadas a Xela Arias —que abriu esta nova etapa—, Ruxe Ruxe, Sala Nasa, Alfonso Zarauza e as fotografías da Praza de Abastos de Rafa Pasadas.