As Xornadas de Ilustración Urbana reúnen en Compostela diferentes olladas e linguaxes artísticas arredor do debuxo

A Casa das Máquinas acollerá os días 6 e 7 de novembro unha nova edición das Xornadas de Ilustración Urbana, cun programa de conferencias, demostracións en directo e un concerto ilustrado que reunirá artistas de diferentes disciplinas
A ilustradora Sofia Isus impartirá o sábado 7 o obradoiro gratuíto «Partindo de cero», dirixido a persoas maiores de 18 anos sen experiencia previa no debuxo. A participación require inscrición en info@compostelailustrada.com
As Xornadas, coordinadas por Gemma Sesar, renderán homenaxe a Bruno Hache e ofrecerán actividades abertas á cidadanía para explorar novas formas de observar, interpretar e representar o mundo que nos rodea
 

A Casa das Máquinas acollerá o 6 e 7 de novembro unha nova edición das Xornadas de Ilustración Urbana (XIU), unha iniciativa do Concello de Santiago, a través de Compostela Cultura, que conta co apoio da Deputación da Coruña. Coordinadas por Gemma Sesar, as Xornadas propoñen un achegamento á ilustración como ferramenta de observación, expresión e interpretación da realidade, cun programa que combina conferencias, demostracións artísticas en directo, música e actividades participativas.

A edición deste ano reunirá artistas de diferentes procedencias e disciplinas que compartirán co público os seus procesos creativos e as súas particulares maneiras de mirar e representar o mundo. O encontro manterá así a súa vocación de achegar o debuxo á cidadanía, favorecer o intercambio de experiencias e reivindicar a ilustración como unha linguaxe capaz de descubrir novas dimensións dos espazos, das persoas e das historias cotiás.

Un obradoiro gratuíto para iniciarse no debuxo

Unha das propostas centrais desta edición será o obradoiro «Partindo de cero», que impartirá a ilustradora Sofia Isus o sábado 7 de novembro, de 10.30 a 12.30 horas, na Casa das Máquinas. A actividade, de balde, está dirixida a persoas maiores de 18 anos que desexen iniciarse no debuxo, sen necesidade de contar con coñecementos ou experiencia previa.

Durante dúas horas, as persoas participantes poderán familiarizarse cos materiais básicos de debuxo, coñecer as súas características e posibilidades e aprender a abordar unha ilustración desde os primeiros trazos. O programa inclúe tamén unha introdución aos fundamentos da cor e da rotulación de textos para acompañar as creacións gráficas.

A proposta busca, sobre todo, soltar a man eb perderlle o medo ao papel en branco, ofrecendo un espazo de experimentación no que descubrir o pracer de debuxar dun xeito sinxelo, creativo e sen presión.

Para participar é necesario inscribirse previamente no correo info@compostelailustrada.com. As persoas asistentes deberán levar o seu propio material: papel de debuxo, en caderno ou follas soltas; lapis negro, goma e lapis de cores; un rotulador calibrado de 0,5; acuarelas e pinceis.

Tres conferencias para explorar novas formas de mirar

A programación das Xornadas comezará o venres 6 de novembro, ás 16.00 horas, coa inauguración oficial e unha homenaxe a Bruno Hache, que terá tamén continuidade na proposta artística de clausura.

Ás 16.30 horas, a ilustradora Margherita Premuroso abrirá o ciclo de conferencias con «A forma do movemento», unha intervención que sitúa o movemento no centro da reflexión sobre a representación gráfica.

A continuación, ás 17.15 horas, Lara Pintos presentará «Intimidade como patrimonio», unha proposta que convida a pensar nas relacións entre a experiencia persoal, a memoria e aquilo que merece ser conservado e representado a través das imaxes.

A primeira xornada rematará ás 18.00 horas coa conferencia «Storysketching: Narrativas do cotián», na que Pedro Loureiro abordará as posibilidades do debuxo para construír relatos a partir das experiencias, escenas e pequenos acontecementos da vida diaria.

O debuxo en directo e a música protagonizan a segunda xornada

O sábado 7 de novembro, e tras o obradoiro da mañá, a programación continuará en sesión de tarde con dúas demostracións artísticas que permitirán ao público achegarse directamente aos procesos de creación.

Ás 16.30 horas, Inés Jimm realizará unha demostración de «Debuxo en óleo sobre lenzo», na que as persoas asistentes poderán observar o desenvolvemento dunha obra en directo.

Ás 17.15 horas será a quenda de Jenny Adam, que presentará «Debuxar como unha deseñadora», unha sesión centrada na súa particular aproximación á práctica do debuxo desde o ámbito do deseño.

A partir das 18.00 horas terá lugar un sorteo de produtos das entidades patrocinadoras, antes de dar paso ao concerto ilustrado «Café para Bruno», unha proposta que reunirá a música de Xoán Curiel e a creación gráfica de Maru Godàs. 

As Xornadas de Ilustración Urbana consolidan así un espazo de encontro entre profesionais da ilustración, persoas afeccionadas ao debuxo e público xeral, no que a diversidade de técnicas, estilos e linguaxes artísticas se converte nun convite a observar con máis atención a realidade e a descubrir novas maneiras de expresala.

As actividades desenvolveranse na Casa das Máquinas, na rúa de Galeras. A participación no obradoiro require inscrición previa en info@compostelailustrada.com.

As Xornadas de Ilustración Urbana 2026 son un programa do Concello de Santiago, a través de Compostela Cultura, co apoio da Deputación da Coruña e a colaboración de HARTEM e Café Dromedario.