O Festival C despídese cunha semana de teatro, música, contos, cinema ao aire libre e circo contemporáneo

«Blues de medianoite», de Laboratorio Escénico; o peche de «Por que non cantades todas?», o Cinema ao aire libre de NUMAX e «Fins al Cel», de Spinish Circo, protagonizan a recta final do festival

O Festival C encara a súa última semana cunha programación que volverá espallarse por distintos espazos da cidade para ofrecer teatro, música, narración oral, tradición oral, cinema e circo contemporáneo. Entre o 24 e o 31 de agosto, a Casa das Máquinas, Bonaval, a Alameda, a rúa Concepción Arenal, a praza da Quintana e o parque de Galeras acollerán as últimas actividades dunha edición que, un ano máis, converteu Santiago nun grande escenario ao aire libre.

A semana abrirase o luns 24 de agosto na Casa das Máquinas, que ás 20.00 horas recibirá Blues de medianoite, de Laboratorio Escénico. A proposta combina teatro, música en directo e unha sesión DJ para render homenaxe ás mulleres do blues, reivindicando a pegada que deixaron na historia deste xénero musical a través dunha montaxe que mestura escena, concerto e experiencia sonora.

Na programación para o público familiar, os arcos do parque de Bonaval acollerán o martes 25 de agosto, ás 18.00 horas, a derradeira sesión de Contos no Parque, organizada en colaboración co programa Apego. Brais das Hortas presentará Comisión de festas, un espectáculo de narración oral con música en directo no que o humor e a tradición popular se dan a man para recrear o universo das festas de aldea.

Esa mesma noite, ás 21.45 horas, a rúa Concepción Arenal converterase nunha sala de cinema ao aire libre coa primeira sesión do ciclo Cinema na Rúa, organizado en colaboración con NUMAX, que proxectará A invasión dos ladróns de corpos, de Don Siegel. A película irá acompañada dun coloquio posterior co público.

O mércores 26, ás 20.00 horas, o paseo da Ferradura da Alameda acollerá a derradeira cita do ciclo Por que non cantades todas?, coa participación do Obradoiro de Cultura Tradicional Ultreia, que porá o ramo a unha edición dedicada á tradición oral galega e ao papel das cantareiras na conservación e transmisión do patrimonio musical. Xa ás 21.45 horas, o Cinema ao aire libre continuará de novo ao pé de NUMAX coa proxección de Caro diario, de Nanni Moretti, tamén seguida dun encontro co público.

A programación escénica do Festival C despedirase o xoves 27 de agosto, ás 20.00 horas, na praza da Quintana, coa representación de Fins al Cel, da compañía Spinish Circo. O espectáculo, que combina circo contemporáneo e música en directo, propón unha viaxe poética arredor da diversidade, das identidades e da superación dos límites, pechando o ciclo de grandes formatos ao aire libre do festival.

Ao longo da semana continuarán tamén os obradoiros de Circonove no parque de Galeras, dirixidos a nenas e nenos de entre 3 e 14 anos, que porán o punto final á súa programación o luns 31 de agosto, completando así a oferta formativa e participativa desta edición.

O Festival C, organizado polo Concello de Santiago a través de Compostela Cultura e co apoio da Deputación da Coruña, despedirá a súa edición de 2026 tras un mes no que preto de trinta actividades gratuítas de circo, danza, música, poesía, cinema e propostas familiares converteron o espazo público nun lugar de encontro entre artistas e cidadanía.