

A artista Ana Moure Rosende inaugura o mércores 10 de decembro ás 19 horas unha instalación artística desenvolvida polo colectivo La Cuarta Piel
A proposta é un dos traballos seleccionados na convocatoria de Compostela Cultura para proxectos de intervención artística da Zona C no período 2024–2025.
Permanecerá aberta no edificio da praza de Cervantes até o 7 de febreiro con acceso libre de martes a sábado en horario de 11 a 14 e de 16 a 19 h
A artista compostelá Ana Moure Rosende (1996) presenta o vindeiro mércores 10 de decembro ás 19.00 horas na Zona C a instalación Acumulacións dun presente moi pasado, un proxecto desenvolvido polo colectivo de investigación artística La cuarta piel. A proposta ficciona unha expedición humana cara ás futuras formacións xeolóxicas que xurdirán dos residuos acumulados nas marxes urbanas, convidando o público a contemplar os restos da vida contemporánea como parte dun territorio por vir.
A proposta articúlase a partir de materiais sometidos a distintos procesos de desintegración, para explorar como os obxectos prezados e os refugallos comparten un destino común: converterse en estratos dunha paisaxe artificial chamada a perdurar durante milleiros de anos. A obra imaxina covas, ecosistemas e reliquias que poderán emerxer destas montañas artificiais, formulando unha pregunta central: que vestixios quedarán da nosa era dentro de 5000 anos?
Nun momento de colapso global na xestión de residuos —con infraestruturas saturadas e depósitos ao límite— o proxecto reflexiona sobre aquilo que a sociedade prefire ocultar e, ao mesmo tempo, sobre a idealización de certos obxectos como talismáns ou símbolos afectivos. Esa contradición dá lugar a novas cordilleiras creadas polo humano, cargadas de potencia narrativa, histórica e ecolóxica.
La cuarta piel, colectivo fundado en 2020 en Alacante, investiga as relacións ecosociais nas paisaxes contemporáneas e aposta por procesos situados que fomenten unha sensibilidade ecolóxica. O seu traballo, recoñecido por institucións como Fundación FAD, Arquia Innova e a Bienal Iberoamericana de Arquitectura, foi presentado en espazos de referencia como o Museo Thyssen, La Casa Encendida, Arts Santa Mònica, o IVAM ou o Centre del Carme.
“Acumulamos o que estimamos, agochamos o que nos molesta, mais ambos os dous procesos conducen ao mesmo final: a integración nunha paisaxe que sobrevivirá aos humanos”, explican dende o colectivo. O proxecto diríxese así a quen visita a instalación cunha invitación a pensar a escala profunda do tempo e a asumir o papel dos restos da vida cotiá na construción da memoria material do planeta.
Acumulacións dun presente moi pasado está ideada e dirixida por Ana Moure Rosende, Mon Cano e Ximo Berenguer, con produción de Íñigo Barrón García, César Fuertes Llorens, Javier Gutiérrez Hernández, Jerome Lorente Martí e Carlos Pastor García. Conta co apoio do Consorci de Museus da Comunitat Valenciana e do Centro Cultural Las Cigarreras, e foi seleccionada na convocatoria de proxectos de intervención da Zona C de Compostela Cultura para o período 2024–2025.
A intervención permanecerá na Zona C (praza de Cervantes) ata o 7 de febreiro, e poderá ser visitada de forma libre de martes a sábado en horario de 11 a 14 e de 16 a 19 horas.