Bertrand Mandico: “O que máis me interesa é a cuestión do transxénero, no cinema e no humano”

O cineasta francés Bertrand Mandico , ao que se lle adica unha retrospectiva neste 15º aniversario de Curtocircuíto - Festival Internacional de Cine, participou esta mañá nun encontro coa prensa no Pazo de Raxoi. Estivo acompañado da súa actriz fetiche Elina Löwensohn , coa que comparte a retrospectiva que o festival lle dedica, así como da concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra , e o director artístico de Curtocircuíto, Pela del Álamo.

Novoneyra gabou os “universos excesivos e crepusculares” que crea o director, ligados “ao bizarro, o incoherente” e amosou a súa ledicia por telo en Compostela dentro da programación desta 15ª edición de Curtocircuíto. Del Álamo explicou que o festival leva programando os seus filmes dende hai 5 ou 6 anos, cando descubriron a curta Notre-dame des hormones e o equipo quedou “encantado por ese despregue de cor, cun sentido poético e unha fusión de xéneros que son case únicos no cinema actual”. Asimesmo, tamén sinalou a capacidade de destilar influencias “e levalas a un novo estado, construíndo case un
xénero propio”.

Bertrand Mandico falou precisamente das súas influencias , entre as que destacou a de David Lynch , e da cuestion de xénero na súa intervención: “O que máis me interesa é a cuestión do transxénero, pero en todos os sentidos. Algo que pode atravesar os xéneros do cinema e tamén os xéneros humanos”. Detívose especialmente a falar de Les garçons sauvages , a súa primeira longametraxe, que puido verse o pasado martes no Teatro Principal e na que os papeis masculinos son interpretados por actrices. “Nesta película interésame como obsesión persoal a cuestión da actriz. Como filmamos ás mulleres e que lles ofrecemos como personaxes. É moi importante polo meu traballo con Elina e polo que fixemos xuntos”. Na actualidade, Mandico e Elina Löwensohn están embarcados nun proxecto amplo, consistente en desenvolver 21 filmes en 21 anos para reflexionar sobre o estado da actriz e a súa evolución . Este proxecto veñen compaxinándoo con outros, aumentando unha filmografía extensísima que culmina polo de agora en Ultra Pulpe, unha mediometraxe que poderá verse esta noite ás 22:00 no cinema NUMAX xunto cos filmes Etienne Charry / Osmose , Prehistoric Cabaret, Y’a-t-il une vierge encore vivante? e a citada Notre dame des hormones. Ao remate, o público poderá unirse á celebración dos 15 anos do festival na Sala Malatesta, coas actuacións de Baiuca, Dj Nigga Fox e Dj Firmeza.