Á venda as entradas para a programación de artes escénicas do segundo semestre

«Yo solo quiero irme a Francia», con María Galiana; «Caídas», de Redrum Teatro; e «Empaque», de Chicharrón Circo Flamenco, conforman a programación para público adulto
A Tropa C regresa con catro propostas de danza, clown, circo e cultura hip hop para achegar as artes escénicas ao público familiar

As entradas poden ser adquiridas de forma anticipada web de Compostela Cultura e no despacho de billetes da Zona C · Punto de Información Cultural

Compostela Cultura pon á venda as entradas para a programación de artes escénicas do segundo semestre de 2026, que entre outubro e decembro achegará ao Auditorio de Galicia e ao Teatro Principal diferentes propostas de teatro, circo e danza. A oferta complétase coas propostas da Tropa C destinadas ao público familiar, con catro espectáculos no Auditorio de Galicia.

A programación para público adulto comezará o 3 de outubro, ás 20.00 horas, no Auditorio de Galicia, con Yo solo quiero irme a Francia, unha montaxe de Contraproducións escrita e dirixida por Elisabeth Larena e interpretada por María Galiana, Nieve de Medina, Anna Mayo e María Roja.

A obra parte do velorio dunha anciá chamada Pilar, onde dúas mulleres que non se coñecen descobren que comparten moito máis do que inicialmente imaxinaban. Unha herdanza inesperada irá revelando segredos, identidades entrelazadas e unha historia familiar que se remonta á España da posguerra. Yo solo quiero irme a Francia constrúe, entre o real e o máxico, unha comedia amarga arredor da identidade, o abandono e a herdanza emocional que atravesa xeracións.

O 22 e 23 de outubro, ás 20.00 horas, o Teatro Principal acollerá Caídas, de Redrum Teatro, un espectáculo de estrea, dirixido por Marián Bañobre e interpretado por Mela Casal, Sheyla Fariña, Neves Rodríguez e Raquel G. Crespo.

A montaxe pon o foco nunha das institucións máis escuras e descoñecidas do franquismo, o Patronato de Protección de la Mujer, activo entre 1941 e 1985. A partir dunha dramaturxia de Marián Bañobre e Santiago Cortegoso, Caídas recupera a realidade de miles de mulleres que, sen cometer delito algún, foron privadas de liberdade baixo o pretexto da súa protección e reeducación moral. A proposta intégrase nas iniciativas vinculadas a Compostela é Memoria.

A programación para público adulto pecharase o 27 de novembro, ás 20.00 horas, no Teatro Principal, con Empaque, de Chicharrón Circo Flamenco. O espectáculo, con idea orixinal e interpretación de Germán J. López Galván e dirección de escena e dramaturxia de Ana Donoso Mora, mestura a poesía do circo, o flamenco e o humor a través dunha linguaxe contemporánea na que dialogan os malabares, o cante, os ritmos, o movemento e a palabra. A partir dunha pregunta aparentemente sinxela —«Quen son?»—, Empaque constrúe unha peza arredor da identidade na que conviven o malabarista, o flamenco, o clown e o xogo escénico. 

O espectáculo está integrado no circuíto Circo a Escena do INAEM.

A Tropa C volve ao Auditorio de Galicia

A programación de artes escénicas para público familiar regresa este outono da man da Tropa C, que levará ao Auditorio de Galicia catro espectáculos entre outubro e decembro. Todas as funcións serán ás 18.00 horas, cun prezo único de 3 euros. 

A primeira cita será o domingo 4 de outubro con tÁ, de Escena Miriñaque, unha proposta de danza-teatro recomendada a partir dos 2 anos. A peza introduce o público nun bosque de realismo máxico no que dúas peculiares personaxes constrúen unha relación de amizade e crecemento emocional a través do xogo, o corpo e as onomatopeas. Ao remate, as nenas e os nenos serán convidados a internarse neste particular bosque bailando. O espectáculo forma parte do circuíto Danza a Escena do INAEM.

O sábado 28 de novembro chegará Triplette, de Labú e Cris Clown, un traballo está incluído no circuíto Circo a Escena do INAEM e recomendado a partir dos 6 anos. Sen texto e cunha linguaxe eminentemente visual, tres pallasos propoñen un brinde á vida desde o absurdo, a poesía e o humor, nunha experiencia próxima na que o estraño e o fermoso se atopan. 

A programación continuará o sábado 19 de decembro con Tenet, de Eunoia Kolektiva, unha proposta de gran formato para todos os públicos na que oito acróbatas e un músico convidan a cuestionar a nosa percepción da realidade. A través da acrobacia, da música en directo e dunha potente dramaturxia visual, o espectáculo explora como unha mesma situación pode transformarse dependendo do punto desde o que a observamos. Este traballo conta co apoio do programa PLATEA do INAEM.

Finalmente, o domingo 20 de decembro, e tamén no marco do circuíto Danza a Escena do INAEM, a compañía Brodas Bros presentará Mini Break, recomendado para nenas e nenos de entre 4 e 9 anos. O espectáculo propón unha viaxe participativa pola historia e a filosofía da cultura hip hop a través de disciplinas como o beatbox, o DJing, o scratch, o breakdancing ou o grafiti.

Venda de entradas

As entradas para os espectáculos do segundo semestre poden adquirirse preferentemente a través de compostelacultura.gal, así como no despacho de billetes da Zona C · Punto de Información Cultural, na rúa do Preguntoiro, 1, aberto de martes a sábado, de 11.00 a 14.00 e de 16.00 a 19.00 horas.

Tamén estarán dispoñibles nos despachos de billetes dos respectivos espazos escénicos desde unha hora antes do comezo de cada función, sempre que queden localidades.

Nos espectáculos nos que así se indique aplicaranse descontos do 50 % para persoas desempregadas, perceptoras de rendas sociais, persoas con discapacidade, xubiladas, maiores de 65 anos, estudantes, menores de 25 anos e integrantes de familias monoparentais ou numerosas. Os descontos non son acumulables.

Recoméndase consultar a web compostelacultura.gal para comprobar a información actualizada de cada espectáculo, condicións de venda, descontos e dispoñibilidade de localidades.