CINEUROPA
PANORAMA AUDIOVISUAL GALEGO / FILMIN
XOSÉ VELO. O LIBERTADOR IBÉRICO (2022)
Aser Álvarez González
Galicia / 45 min / Documental / Galego
Ficha técnica:
Guión e dirección artística: Aser Álvarez González
Fotografía: Laura Yáñez Bastos
Edición: Aldán Delgado Fernández
Animación: Aldán Delgado Fernández, Xosé Vizoso
Produción: Arraianos Producións
Sinopse:
Este proxecto documental lévanos a coñecer a Xosé Velo, un notábel político e escritor nacido en Celanova en 1916. Membro do primeiro Consello Nacional da Federación de Mocedades Galeguistas, chegou a ser elixido secretario xeral desta organización en 1935. Despois da guerra trasladouse a Vigo, onde o detiveron pola súa actividade antifranquista. En 1948 fuxiu a Portugal e foi detido pola PIDE, aínda que grazas á mediación do Unitarian Service e ao apoio do goberno de Rómulo Gallegos, puido trasladarse a Venezuela. En 1956 foi nomeado presidente do Lar Gallego de Caracas e, como delegado desta institución, participou activamente no Primeiro Congreso da Emigración Galega celebrado en Bos Aires. En 1959 fundou o DRIL (Directorio Revolucionario Ibérico de Liberación) cun grupo de exiliados españois e portugueses. A principios de 1961 dirixiu o secuestro do transatlántico Santa María, acción que pretendía denunciar internacionalmente as dúas ditaduras ibéricas. O goberno brasileiro acolleu aos secuestradores como refuxiados políticos, e Velo e o seu fillo Vítor, que tamén participara no secuestro, establecéronse en São Paulo. Nesta cidade fundou unha libraría (Nós) e logo unha editorial (Galiza Ceibe) pouco antes de morrer dun cancro de pulmón aos 55 anos de idade.
COMPOSTELA RUPESTRE (2021)
Andrea Barrán, Aser Álvarez
Galicia / 5 min / Documental / Galego
Ficha técnica:
Guión: Andrea Barrán, Aser Álvarez
Fotografía: Jacobo Real, Álvaro Paz
Música: Nico Casal
Produción: Arraianos Producións
Sinopse:
As rochas falan. O legado de petróglifos presente en Santiago de Compostela permítenos coñecer mellor as primeiras poboacións que habitaron esta terra.
Aser Álvarez (Celanova). Licenciado en políticas e xornalismo, mestrado de El País e especialista universitario en Comunicación audiovisual, ten traballado en prensa, radio e televisión. Tamén comisariou proxectos expositivos multimedia e editoriais e realizou contidos para televisión e publicidade, cos que obtivo o Mestre Mateo ao Mellor Documental, os premios de xornalismo Xosé Aurelio Carracedo, Xohán Carballeira e o Premio ao Mellor Informativo no I Open Radio do CCCB.
Andrea Barrán (O Saviñao). Desenvolveu a súa actividade profesional os últimos anos entre Galicia e Madrid. Licenciada en Ciencias da Información, dirixiu numerosas campañas publicitarias para marcas con Stage Entertaiment, Eurostars Hotels, Warner ou BMW e tamén documentais con Arraianos Producións e Aser Álvarez.