XMC: MIRADAS SONORAS co TRÍO ZUKAN

DATOS BÁSICOS

XORNADAS DE MÚSICA CONTEMPORÁNEA XUÑO 2021

 

Miradas sonoras. PROGRAMA

María Eugenia Luc (1958) Begiratu (2018)

Oihana Rodríguez (1999) Gure Sustrai (2021) 

Isabel Urrutia (1967) Etorkiz eta izatez (2018)

Carolina Cerezo (1993) Luggage by heart (2021) 

Sofía Martínez (1965) Nocturno (2020)*

Helga Arias (1984) Zeinu (2019)

*estrea absoluta

 

Trío Zukan

María Zubimendi  acordeón

Jon Ansorena  txistu

Gorka Catediano  percusión

Case desde os seus inicios o Trío Zukan acuñou o termo «miradas sonoras» para albergar a multiplicidade de intereses que os define como intérpretes. Estes son case tantos como expresións ten a creación musical contemporánea, de forma que nos seus programas conviven as propostas máis experimentais xunto a outras de factura máis tradicional pero que consideran de gran interese musical. É o caso de Begiratu de María Eugenia Luc, unha mirada «a un tempo subxectivo, interno, non medible, un tempo que se amplía (fundindo o presente con diferentes momentos do pasado)», realizada co inconfundible preciosismo tímbrico desta compositora arxentina. En contraste, Luggage by heart, a máis recente obra de Carolina Cerezo, é unha proposta de fondo calado conceptual que segue a liña de teatro de obxectos documentais que a autora malagueña ven investigando nos últimos anos. Como proposta escénica, un só elemento: un flight case «cunha aura moi especial: a dos potenciais obxectos que contiña e pode conter; a das viaxes que sufriu e os sons dos que foi testemuña». Etorkiz eta izatez de Isabel Urrutia é a primeira peza composta cun novo método de composición baseado en utilizar un material sonoro novo, escollido por razóns estéticas, e consiste fundamentalmente na mestura de instrumentos da orquestra clásica con instrumentos de tradición oral de diferentes culturas e países sobre os que crea unha “paleta sonora” que lle ten permitido colorear timbres de instrumentos clásicos con timbres de instrumentos de tradición oral e viceversa, descubrindo un mundo insólito, inesperado e ilimitado de novas sonoridades. Zukan non só centra os seus esforzos na composición contemporánea instrumental, senón que trata de incluír novos e diversos recursos artísticos no seu repertorio e forma parte do proceso creativo da bilbaína Helga Arias, investigando a enorme paleta de sons que xorde coa combinación dos seus instrumentos.

Trío Zukan

En 2014 xorde o Trío Zukan reunindo tres instrumentos pouco comúns como a percusión, o acordeón e o txistu (frauta tradicional do País Vasco). Na actualidade, é unha das formacións máis consolidadas do panorama da música contemporánea do País Vasco. Ten ofrecido numerosos concertos en ciclos de referencia como Quincena Musical Donostiarra, Fundación Juan March, Festival Bernaola, Circuito de Música Contemporánea Musikagileak, Ciclo de Música Contemporánea BBVA, Attacca Festival Basel, Festival Kuraia ou Classical:NEXT de Rotterdam. Ademais, Zukan liderou algunhas producións multidisciplinares coa colaboración de bailaríns como Eneko Gil e Amaia Elizaran, ou o Museo San Telmo de Donostia - San Sebastián. A innovación sonora foi desde sempre o punto de partida da creación do repertorio para o Trío Zukan, utilizando tanto a combinación dos seus propios instrumentos, como a inclusión de outros recursos, entre os que se poden mencionar obxectos atípicos como as queixadas de cabalo, a voz e a performance, a electrónica, as proxeccións de vídeo ou a utilización de danza nalgunha das súas obras. Todo iso forma parte do laboratorio do Trío Zukan, no que continúan traballando coa colaboración de diferentes creadores actuais, co obxectivo de crear e propoñer novas posibilidades estéticas.

María Zumendi (Zumaia,1994) fórmase con Miren Iñarga e no Centro Superior de Música do País Vasco–Musikene con Iñaki Alberdi. Posteriormente finaliza un programa de mestrado especializado en música contemporánea na Musikhochschule FHNW de Basilea (Suiza) baixo a tutela de  recoñecidos intérpretes como Mike Svoboda, Marcus Weiss ou Jürg Henneberger, coas máximas cualificacións. Ademais da súa experiencia en innumerables festivais, a súa participación en diversos concursos nacionais e internacionais valeulle varios premios, entre os que destacan o primeiro premio no Concorso Internazionale di Firsarmonica Santa Cecilia en Roma, o segundo premio no International Akkordeon Wettweberb Klingenthal 2014 ou o primeiro premio do Concurso Internacional Arrasate Hiria 2018. Ten estreado obras de compositores de prestixio como R. Lazkano, J. M. Sánchez–Verdú, M. E. Luc, S. Avramidou ou G. Moreno, tanto sola como con diferentes formacións de cámara. Ademais do seu traballo como solista, foi acordeón invitada na Orquesta Sinfónica de Euskadi, e colabora habitualmente con agrupacións como PluralEnsemble, Zone Experimentale, Ciklus Ensemble, Tanar Quartet, Akoncert Ensemble.

Gorka Catediano. Miranda de Ebro, 1992. Fórmase no Conservatorio Jesús Guridi de Vitoria-Gasteiz e no Centro Superior de Música do País Vasco – Musikene con Javier Alonso, Lorenzo Ferrándiz, José A. Trigueros e Antonio Domingo. En 2018 finaliza un programa de Mestrado no Koninklijk Conservatorium de La Haya (Holanda) baixo a tutela de recoñecidos intérpretes como Hans Zonderop, Theun van Nieuwburg, Niels Meliefste, Pepe García e Rob Verhagen obtendo as máximas calificacións. Fundador tamén do cuarteto de percusións IKKO Percussion Group, outra formación comprometida coa creación de vangarda. Como solista obtivo premios en concursos como o Italy Percussion Competition, o Concurso Jóvenes Músicos de Euskadi ou a Muestra Musical Regino Sainz de la Maza. Ten colaborado con formacións como a Nederlands Philharmonisch Orkest, Residentie Orkest, Slagwerk Den Haag, ASKO|Schönberg Ensemble, Atlas Ensemble, Nederlands Blazer Ensemble, Bilbao Sinfonietta, Orquesta Verum, Orquesta Sinfónica de Euskadi e Orquesta Sinfónica de Bilbao.

Jon Ansorena. Hernani, 1992. Fórmase no Conservatorio Francisco Escudero de San Sebastián e posteriormente no Centro Superior de Música do País Vasco – Musikene con Aitor Amilibia. Ademais, foron decisivas na súa formación as clases recibidas por grandes intérpretes como Iñaki Alberdi, Jabi Alonso, Jose Ignazio Ansorena, Sèverine Ballon, Miquel Bernat, Alfonso Gómez ou Garth Knox. Compaxina o seu labor como intérprete de música tradicional coa investigación tanto do instrumento como do seu repertorio máis vangardista. Actualmente é integrante da Banda Municipal de San Sebastián, ademais de formar parte de diversas asociacións e institucións comprometidas coa música actual do País Vasco, como Musikagileak —Asociación Vasco–Navarra de Compositores—, Euskal Herriko Txistulari Elkartea, EHMBE–Euskal Herriko Musika Bulegoa, etc. Tamén colaborou con formacións e entidades como Silboberri, Ensemble XARE, Ciklus Ensemble entre outras e ten participado en festivais como Gargonza – Arts, Quincena Musical de San Sebastián, Festival Bernaola, Circuito de Música Contemporánea Musikagileak ou Musikaste.

Entradas: 
  • RETIRADA DE ENTRADAS EN LIÑA: LUNS DA SEMANA DO EVENTO_10.00 H
  • Despacho de billetes da Zona C. Punto de Información Cultural. Aberto de martes a sábado, de 11 a 14 e de 16 a 19 h. Domingos de 11 a 14 h (Luns pechado). Teléfono 981 542 462
  • Despacho de billetes do Auditorio de Galicia. Aberto o día do espectáculo desde 1h 30 min antes do comezo do mesmo. Teléfono 981 571 026

PRÉGASE USO PREFERENTE DA WEB PARA A ADQUISICIÓN DE ENTRADAS

PROTOCOLO DE ACCESO A ESPECTÁCULOS PUBLICADO NA PORTADA

Funcións: 
Martes, 22 Xuño, 2021
20:30
Auditorio de Galicia