XMC: CATRO CONTINENTES con ELISA VÁZQUEZ DOVAL

DATOS BÁSICOS

XORNADAS DE MÚSICA CONTEMPORÁNEA XUÑO 2021

Elisa Vázquez Doval, piano

CATRO CONTINENTES

 

PROGRAMA

Linda Catlin Smith (1959) Thought and Desire (2007) 

Annea Lockwood (1939) RCSC (2001)

Nuria Núñez Hierro (1980) Der Rote Faden (2012), para piano e e-bow

Younghi Pagh-Paan (1945) I Thirst (2008)

Galina Ustvolskaya (1919 - 2006) Sonata núm. 5 (1986)

A obra Thought and Desire inclúe o Soneto 45 de Shakespeare no que reflexiona sobre o pensamento e o desexo como calidades "presentes-ausentes"; como testemuñas dun vínculo coa persoa amada, pero tamén falan da distancia. Linda Catlin Smith escribiu esta obra como regalo dun aniversario de voda, unha canción de amor calma e íntima, que reflexiona sobre a longa convivencia entre dúas persoas e entre eses dous aspectos de nós mesmos: o pensamento e o desexo. A surcoreana Younghi Pagh-Paan toma o título de I Thirst das palabras nos evanxeos de Cristo crucificado "Teño sede", sede física mais tamén espiritual como metáfora da traxedia sucedida en 1948 na illa de Jeju, terra dos seus pais. Os seus habitantes rebeláronse contra o goberno e, como resposta, a policía xunto ao exercito asolaron centos de vilas e mataron milleiros de poboadores da illa. Os pescadores de Jeju cantan con forza mentres reman cara o mar, e o seu canto contén unha gran tristura, berrando á vez "Teño sede", expresando a súa sede de verdade. A compositora di “O que quero expresar con esta música é que o espírito intacto dos seus devanceiros segue vivo nas seguintes xeracións da illa de Jeju”. RCSC foi un encargo de Sarah Cahill en 2001 á neozelandesa Annea Lockwood como unha das sete pezas curtas de mulleres compositoras en honor a Ruth Crawford Seeger. O título é case un palíndromo dos seus nomes, e o seu contido tonal basease nas dez notas do último movemento do Segundo cuarteto de corda de Crawford Seeger. Lockwood é coñecida polas súas exploracións do son e entornos acústicos naturais, en obras que van desde a arte sonoro e as instalacións, o texto-son e a performance, ata a música de concerto. Der rote Faden é unha serie de pezas da andaluza Nuria Núñez Hierro que analizan a percepción da experiencia sonora a través dun diálogo de lembranzas e expectativas; o resultado de traballar relacións formais entre diferentes xestos musicais que as contaminan, e ramifícanse, evolucionan e interactúan adaptándose ás características físicas e espirituais das diferentes formacións, constituíndo o seu propio ‘fio condutor’, o seu propio ‘roter Faden’. Der rote Faden III inspírase no filme de Christopher Nolan, Memento, cuxa maior singularidade reside na súa liña temporal, que en lugar de ser lineal, vai cara atrás “a saltos”, amosando ao avanzar as causas do xa visto, en vez das consecuencias. É a primeira do ciclo escrita para instrumento só. A súa estrutura formal medra e desenvólvese a partir das ideas sonoras orixinadas nas transformacións tímbricas ás que son sometidos diferentes rexistros do piano. Entre 1947 e 1988, a rusa Galina Ustvolskaya escribiu seis sonatas para piano que combinan a creación do universo e a máxima interiorización e confesión persoal. Ustvolskaya escribiu, ao longo de case trinta anos, a Quinta Sonata en dez seccións, o que representa unha ruptura decisiva co pasado, e Ustvolskaya coloca as súas expresións ao estilo de Shostakovich xunto a disonancias "experimentais". A sonata presenta un "tema" que consiste nun único son: o da primeira octava. Este son aparece continuamente, como se simbolizara unha especie de centro do universo ou do teclado, ou do espírito humano e divino.

Elisa Vázquez Doval

Elisa conta cunha ampla traxectoria como solista e músico de cámara. Ao longo da súa carreira foi  invitada a tocar en prestixiosos auditorios, como o Concertgebouw en Amsterdam e o Muziekcentrum Vredenburg en Utrecht, e deu concertos en varios países de Europa. O seu especial interese pola música contemporánea levouna a investigar e interpretar o repertorio para piano das últimas décadas. En España estreou obras de Elliott Carter, John  Cage, Joji Yuasa, Rebecca Saunders, Younghi Pagh-Paan, Alberto  Hortigüela e Chou Wen-chung. As súas actividades máis recentes inclúen concertos na Fundación  Juan March, o Festival Internacional de Primavera da Universidade de Salamanca, as Xornadas de Música Contemporánea de Santiago de Compostela, a Fundación Caixa Galicia e o Festival Espazos Sonoros, así como recitais en varios auditorios de España. Realiza os seus estudos de piano no Conservatorio Superior de Santiago de Compostela e no Real Conservatorio Superior de Música de Madrid. Posteriormente, amplía a súa formación na Escola de Música de Barcelona e no Conservatorio de Rotterdam. En 2006, recibe un Mestrado en Piano do Conservatorio de Utrecht. Os seus principais mestres foron Klára Würtz, Michael Davidson, Manuel  Carra, Julián López-Gimeno e Albert Atenelle.  Ten participado en clases maxistrais con Nicolas Hodges, Yukiko Sugawara, Hakon Autsbo, Greoffrey  Madge, Edgar Nebolsin, Nino Kereselidze, Bruno Rigutto, Alexander Kandelaki, Evgeny Moguilewski, Kyoto Hashimoto e Alberto Rosado. Recibiu apoios e bolsas de entidades como o Ministerio de Asuntos Exteriores, Fundación Caixa  Galicia, Deputación de A Coruña, Comunidad de Madrid, Ecole de Musique de Niza e a  fundación holandesa para as artes Hein Fonds.

Entradas: 
  • RETIRADA DE ENTRADAS EN LIÑA: LUNS DA SEMANA DO EVENTO_10.00 H
  • Despacho de billetes da Zona C. Punto de Información Cultural. Aberto de martes a sábado, de 11 a 14 e de 16 a 19 h. Domingos de 11 a 14 h (Luns pechado). Teléfono 981 542 462

PRÉGASE USO PREFERENTE DA WEB PARA A ADQUISICIÓN DE ENTRADAS

PROTOCOLO DE ACCESO A ESPECTÁCULOS PUBLICADO NA PORTADA

Funcións: 
Mércores, 16 Xuño, 2021
20:30
Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC)