UNHA GRAN BURLA NEGRA

DATOS BÁSICOS

Unha gran Burla Negra. Creatividade popular e memoria do Prestige [2002 - 2019]

Unha gran Burla Negra é un proxecto expositivo, arquivístico e memorial que promove un ciclo de eventos en diferentes localidades (Santiago de Compostela, A Pobra do Caramiñal, A Coruña, Rianxo e Muros) ao longo dos anos 2018 e 2019. Realizaranse diversas exposicións que se complementarán con obradoiros pegagóxicos e actos académicos e se potenciarán cun arquivo vivo, un documental e un catálogo online. O propósito de Unha gran Burla Negra é abrir unha reflexión cidadá a dezaseis anos vista da catástrofe do Prestige e das mobilizacións populares que se derivaron a partir do inventario, estudo e exposición do seu arquivo cultural: a morea de pezas artísticas, poemas, imaxes, músicas, textos e intervencións, anónimas ou non, que desbordaron rúas e medios naqueles meses e que o colectivo Burla Negra soubo representar e promover dun xeito viral, en conexión con formas de protesta populares, anónimas ou activistas.

O proxecto iníciase no Auditorio de Galicia debido a que foi o lugar onde o vinte cinco de novembro do 2002 nacía a Plataforma contra a Burla Negra. Como tantas galegas e galegos, foi moita a xente do ámbito da cultura en Galicia que se preguntaron que podían facer ante o desastre ecolóxico, económico e social que supoñía a marea negra provocada polo naufraxio do petroleiro Prestige. O resultado desta ansia foi a Plataforma contra a Burla Negra, que coordinaba artistas, escritores, músicos, actrices e persoas de todos os campos da cultura en contra do fuel. E é que a desastrosa xestión política do accidente —a cal puxo ao descuberto a uns responsables públicos incapaces de coidar do noso territorio— trouxo consigo a creación dun fenómeno simbólico,  paradigmático, e á vez inesperado pola gran dimensión que tivo, como foi Burla Negra, que uniu a xente da cultura, contradicindo o forte compoñente individualista co que se lle adoita acusar ao sector, para organizar actos contra a catástrofe por todo o país.

Nun fenómeno sen parangón a nivel estatal que se desenvolveu por todo o territorio galego, o deixamento da clase política provocou que se revolvesen as forzas da cultura de base cunha efervescencia comparable aos últimos anos do franquismo e inicios da transición.

No corredor principal do Auditorio de Galicia están situados unha serie de paneis informativos sobre o que foi a Plataforma contra a Burla Negra. O luns 19 de novembro de 2018 cumprense dezaseis anos do afundimento do Prestige.

Asociación Cultural Unha Gran Burla Negra

Entradas: 

Entrada libre e grauíta

Funcións: 
Luns, 19 Novembro, 2018 a Martes, 8 Xaneiro, 2019
Auditorio de Galicia