TERRITORIOS DE INTIMIDADE

Auditorio De Galicia
DATOS BÁSICOS

TERRITORIOS DE  INTIMIDADE. Artistas  galegas  baixo o franquismo 1940 - 1975

Comisaria: Rosario Sarmiento

O franquismo supuxo para as mulleres a anulación das conquistas que a favor da igualdade de sexos se alcanzaran durante a II República. A lei do divorcio, o recoñecemento do matrimonio civil, o dereito ao voto feminino, foron logros conseguidos co esforzo de moitas mulleres no afán de modernizar a sociedade española. A chegada do franquismo cernou esas conquistas, impoñendo un novo modelo de sociedade, patriarcal e androcéntrica, onde as relacións entre homes e mulleres, os límites entre quen ocupaba o espazo publico e o privado quedarán claramente establecidos. Os homes protagonizarán a esfera pública: o traballo remunerado, a política, a economía, a xustiza…, mentres que as mulleres “reinarán” na esfera privada: os labores domesticos, o coidado dos fillos ou dos maiores.

A muller e a súa condición prioritaria de nai e esposa, que se mantivo practicamente durante toda a ditadura franquista, será un dos alicerces básicos da vida española. Só durante o desarrollismo dos anos sesenta e cando a ditadura as considerou necesarias para o crecemento económico se lles abriron as portas do mundo laboral, aínda que en condicións de desigualdade, moito máis desfavorables que as do home.

Neste escenario onde a muller, sobre todo nas primeiras décadas de posguerra, queda practicamente relegada da esfera pública, poucas posibilidades existían de poder desenvolver unha carreira como creadora plástica. Os prexuízos sociais ou as dificultades para acceder a unha formación académica fan moi difícil practicar unha profesión só entendida se respondía as demandas da arte máis conservadora ou por suposto, á esfera da docencia onde moitas mulleres creadoras centraron o seu talento.

En Galicia, desenvolver unha carreira profesional como artista durante o franquismo supuxo enfrontarse ás mesmas ou se cabe maiores dificultades, vivir e traballar nunha periferia, que no caso das creadoras mulleres non só foi xeográfica. Iso provocou que as que buscaban sobre todo unha formación ou un status profesional tivesen que marchar. Madrid foi na maioría dos casos o refuxio do exilio interior para moitas delas. As que quedaron estiveron abocadas, na súa gran maioría, a unha proxección profesional bastante  mediatizada polos estereotipos e prexuízos dunha sociedade que antepoñía a súa condición de mulleres ás achegas e interese da súa obra.

A exposición TERRITORIOS DE  INTIMIDADE trata non só de seguir poñendo en valor as creadoras galegas que traballaron durante os anos do franquismo, senón achegar novas perspectivas temáticas desde as que analizar as súas obras. Todas elas romperon os estereotipos temáticos tradicionalmente asociados ás artistas mulleres neses anos, mais tamén innovaron e penetraron en temáticas como a fantasía, o compromiso social ou o relato da súa contorna máis próxima. Profundar nesa contorna, no máis próximo, no circundante, transcribir os obxectos, o silencio que rodea unha intimidade na que sentirse mais recollida e segura fronte ao exterior e a vida é o que retratan algunhas delas.

Investigar as súas traxectorias,  contextualizar o desenvolvemento  do seu traballo, segue sendo un  capitulo pendente dunha  historiografía aínda remisa a ampliar os seus límites cando se trata de artistas mulleres.

___________

Elena Colmeiro (Silleda, Pontevedra, 1932)

Carmen Corredoyra (A Coruña 1893 - 1970)

María Antonia Dans (Oza dos Rios, A Coruña 1922 - Madrid, 1988)

Lolita Diaz Baliño (A Coruña, 1905 - 1963)

Mª Victoria de la Fuente (Vigo, Pontevedra, 1927- Madrid, 2009)

Gloria de Llano (A Coruña, 1915 - 1999)

Elena Fernández Gago (A Coruña, 1940 - 2011)

Rosina Llamas Fole (A Coruña, 1941 - 1977)

Fina Mantiñan (A Coruña, 1932)

Julia Minguillón (Lugo 1906 - Madrid, 1965)

Beatriz Rey (A Coruña, 1939)

Mercedes Ruibal (San Andrés de Xeve, Pontevedra, 1928 - Vigo, Pontevedra, 2003)

Concha Vázquez (Santiago de Compostela, A Coruña, 1906 - 1971)

Información da billeteira: 

Entrada gratuíta

Funcións: 
Mércores, 24 Outubro, 2018 a Domingo, 3 Febreiro, 2019
Auditorio De Galicia

UBICACIÓN

Auditorio de Galicia