A Concellaría de Acción Cultural organiza un roteiro para dar a coñecer a relación con Santiago de Antonio Fraguas, o autor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas. O paseo, denominado "Antonio Fraguas e a Compostela Insólita" incide na relación de Antonio Fraguas con Compostela, cidade que o nomeou fillo adoptivo en 1989. En Santiago xa se ten lembrado ao autor dándolle o seu nome ao instituto das Fontiñas, ou ao premio de investigación sobre o traxe galego que o Concello convoca en colaboración coa Asociación do Traxe.
O roteiro "Antonio Fraguas e a Compostela Insólita" inclúe sete paradas noutros tantos lugares de Compostela que están vinculados co autor. O primeiro deles é o Museo do Pobo Galego, do que Fraguas foi director e presidente do Padroado, ao que cedeu parte das ferramentas de canteiro do seu pai e tamén parte da súa propia biblioteca. O paseo, deseñado por MAOS, fai tamén paradas na praza de Feixóo, onde Antonio Fraguas viviu nunha pensión de estudante cando cursaba Filosofía e Letras; e na Facultade de Xeografía e Historia, centro no que o autor foi estudante, axudante de biblioteca e colaborador de Unión Radio Galicia. As seguintes paradas no roteiro son no colexio de Fonseca, a árbore da ciencia e o IES Rosalía de Castro. O percorrido péchase na carballeira de Santa Susana, onde se falará dos estudos etnográficos de Antonio Fraguas.
O roteiro vaise celebrar os días 10 (19:00 horas), 11 (18:00 horas), 12 (18:00 horas), 16 (19:00 horas), 17 (17:00 horas) e 18 de maio (18:00 horas). Está previsto que o percorrido teña algo máis dunha hora de duración, e o número de prazas para cada quenda é de 50 persoas. Para participar é preciso inscribirse, enviando un mail á dirección paseos.compostela@maos.gal.
Aquí pódese ver o mapa coas paradas que se realizarán: https://i.gal/RoteiroAFraguas