PRORROGADA_XIRAREI: DESEÑO DE CUBERTAS NO DISCO GALEGO 1955/1995

DATOS BÁSICOS

O disco de vinilo foi o estándar da difusión fonográfica ata a chegada do disco compacto a mediados da década de 1980; as súas portadas serviron non soamente para vender os discos, senón tamén para difundir mensaxe, moda ou ideoloxía. Sendo como era un obxecto de consumo masivo, esta mostra mira a carpeta do disco como un elemento máis da arte popular e un medio de expresión privilexiado para deseñadores, ilustradores ou fotógrafos. Xirarei: deseño de cubertas no disco galego 1955/1995 non é unha historia da música galega; é un percorrido polo deseño gráfico que serviu para envolver e comercializar a nosa música, para contar quen somos e como queremos que nos vexan.

Ata a década de 1940, os discos de vinilo presentábanse en simples fundas de papel ou cartón, a meirande parte das veces tan só adornadas polo logotipo da discográfica, ás veces con algunha información sobre o contido do disco, ás veces sen nada. Un furado deixaba ver a etiqueta que, no centro do disco, informaba dos autores e temas que viñan gravados. Moitos destes discos nin sequera tiñan unha entidade individual, e comercializábanse en álbums de tapa dura con catro ou cinco discos separados por cadansúa funda. Foi Alex Steinweiss, en 1940, quen ilustrou por vez primeira unha carpeta para un disco de 78 rpm. Oito anos máis tarde, el mesmo deseñou a carpeta para os LP de 12 polgadas. A excepcional calidade do grafismo de Steinweiss puxo de manifesto, xa desde o primeiro momento, a idoneidade deste envoltorio como vehículo de expresión artística.

Independentemente da calidade do produto sonoro ao que lle dá cobertura e identidade, a carpeta do disco atesoura na súa simplicidade un medio excepcional onde poñer en xogo ilustración, fotografía, tipografía e «packaging» para a venda dun produto cultural e popular. As grandes tiraxes acadadas polos éxitos comerciais da música pop, cifradas moitas veces en millóns de discos, converteron o LP nun elemento propio da cultura popular, e outorgáronlle un potencial comunicativo que dificilmente podía acadar coa difusión da música clásica ou o jazz.

A chegada do CD nos anos 80 acabou co reinado do disco de vinilo e abriu unha nova etapa. Para 1995, data na que lle poñemos o punto final a esta mostra, era pouco máis ca testemuñal. Hoxe volve, pero xa non é o mesmo; a música consómese doutra maneira, e o que antes era un produto popular agora é elitista e minoritario.

Esta non é, pois, unha historia da música galega, aínda que tamén o sexa, senón un percorrido polo traballo dos artistas, fotógrafos, deseñadores e ilustradores, galegos ou non, que trataron de reflectir graficamente o son que saía desas rodelas de plástico, na procura da cuadratura do círculo. Un percorrido por como nos vemos e como queremos que nos vexan, pola imaxe que queremos dar ao contar e ao cantar o que cantamos.

Fausto Isorna (comisario)

 

Entradas: 

Entrada gratuíta

De martes a domingo de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 h

Luns pechado

25 de xullo pechado

______

Aforo máximo 100 persoas

Non é preciso reservar

Funcións: 
Mércores, 22 Xaneiro, 2020 a Domingo, 26 Xullo, 2020
00:00
Auditorio de Galicia