PROGRAMA DIDÁCTICO 2022-2023

DATOS BÁSICOS

Compostela Cultura, o departamento cultural do Concello de Santiago, ofrece no seu programa didáctico para o curso 2022-2023 un total de 44 funcións de 15 espectáculos diferentes de teatro, monicreques, música e danza. celebraránse no Auditorio de Galicia e no Teatro Principal desde outubro do 2022 ata marzo do 2023. As actividades, totalmente de balde, diríxense ao alumnado de Educación Infantil, Primaria, ESO e Bacharelato para os centros de ensino de todo o país. O 20 de setembro é o día no que terán que enviar as solicitudes os centros de ensino de Compostela e o día seguinte, o 21, os do resto de Galicia.

PROGRAMA

O programa arrinca en outubro, os días 19 e 20 no Teatro Principal co teatro e monicreques de ‘Os golfiños e o xigante’ de Fantoches Baj para os e as máis pequenas: infantil e 1º e 2º de Primaria. En novembro estará Chévere con dúas propostas: ‘Curva España’ os días 7 e 8 e ‘N.E.V.E.R.M.O.R.E.’ os días 10 e 11, ambas para ESO e Bacharelato e no Auditorio de Galicia.

Retómase a programación en xaneiro, tamén no Auditorio de Galicia, os días 17, 18, 19 e 20 con ‘Sinfonía Romaría’ da Banda Municipal de Música de Santiago dirixida por David Fiuza e para alumnado desde 3º de Primaria ata o Bacharelato. En febreiro teremos catro propostas: os días 2 e 3, no Auditorio, o ‘Xogo de espellos’ da Real Filharmonía de Galicia, unha ollada a través da música electrónica e o día 7 o teatro interactivo de Artesa Cía con ‘Illas desertas’ no Principal, ambas propostas dirixida aos e ás máis maiores: ESO e Bacharelato. O día 8 chegará ao Principal Tanxarina con ‘A cazola de Lola’ para Infantil e 1º e 2º de Primaria. E pechamos o mes con ‘Música e evolución’, música tradicional con Pablo Carpinteiro e Rosa Sánchez dirixido a todas as idades e que se celebra os días 23 e 24 no Auditorio.

Marzo é o mes con máis propostas, un total de sete. A Real Filharmonía de Galicia presenta no Auditorio o ‘Mini Mozart’ o días 2 e 3, para nenos e nenas de 3º a 6º de Primaria. Despois chegarán dúas propostas teatrais: o ‘Hugo’ de Gustavo del Río Prieto tamén para alumnado de 3º a 6º o día 7 e ‘Ás para Álex’ de Baobab Teatro, o día 8 para os de 1º e 2º de Primaria, ambas no Teatro Principal. Despois chega ‘Bandilandia’ coa Banda Municipal de Música, dirixida por David Fiuza e xunto á narradora Cristina Collazo, os días 9 e 10 no Auditorio e o día 14, de novo no Principal, Talía Teatro presenta ‘A parábola do angazo’ ao alumnado de ESO e Bacharelato. O día 15 Caramuxo Teatro ofrece ‘Ela’ aos nenos e nenas de 3º a 6º de Primaria no Teatro e pechamos a programación co ‘Nina Ninette’ de Paula Quintas no Auditorio, para Infantil e 1º e 2º de Primaria.

 

Entradas: 

PROCEDEMENTO DE RESERVA EN LIÑA

En setembro enviaremos por correo electrónico o formulario para cubrir a solicitude aos centros de ensino.

DATAS DE ENVÍO DAS SOLICITUDES

  • Centros de ensino de Santiago de Compostela: dende o martes, 20 de setembro 2022 ás 8.30 h
  • Centros de ensino do resto de Galicia: dende o mércores, 21 de setembro 2022 ás 8.30 h
Funcións: 
Martes, 14 Xuño, 2022 a Mércores, 22 Marzo, 2023
Varios lugares