PLANETA GZ 1

DATOS BÁSICOS

Esta competición aglutina as producións galegas que Curtocircuíto considera máis arriscadas e interesantes, ao mesmo tempo que intenta conformar un conxunto que represente a heteroxeneidade da escena cinematográfica galega.

 

JOVEN Y CARMEN

Borja Santomé | 2019 | 06:50 | España | ANI, EXP | COR

O argumento desta proposta parte dunha personaxe chegada hai pouco a Roma que vive unha peripecia transcendental na cidade. Este individuo serviralle ao director como vehículo para plasmar o espírito da cidade así como un relato de especial relación coa pintura e a paisaxe.

 

REXISTROS (XEOGRAFÍA DE SAN SADURNIÑO)

Adrián Canoura | 2018 | 14:30 | España | DOC | COR

Unhas árbores, uns animais, luces, cores, espazos...Unha navegación sensorial polas aldeas de San Sadurniño, onde ver é reter-percibir, onde o ollo non está contaminado e goza a través da aventura da percepción. Parafraseando a Stan Brakhage, "Cantas cores hai nun campo de herba para o bebé, que gatea ignorante do "verde"?. Cantos arcosdavella pode crear a luz para o ollo non educado?. Canto conscente das variacións nas ondas de calor por estar ese ollo?"

 

PARPADEO

Judith Adataberna | 2019 | 03:52 | España | ANI | COR

Parpadeo preséntase coma un experimento fílmico que xoga desafiando o limiar de consciencia visual humana. A absorción e o efecto do bombardeo de imaxes que sufrimos na aceleración contemporánea, descomponse como unha melodía chea de necesidades. Dende esta perspectiva, dous espazos opostos, cidade e natureza dialogan interpelándose nunha reflexión sobre o hábitat.

 

ANALÓXICA

Anxos Fazáns | 2019 | 13:46 | España | COR

Tres persoas fronte ao mar e unha cámara de super 8 na man filmando os pasos, os sorrisos, os abrazos. Na praia deserta, mentres ela grava, os outros dous acércanse á auga, nadan e xogan, bícanse e rózanse entre bromas. Todo parece improvisado, e todo parece xurdir debido á cámara.

 

COMO DESAPARECER

Carlos Martínez-Peñalver | 2018 | 05:05 | España | EXP, FIC | COR

Joel decide marchar cara un territorio descoñecido, deixando ao seu paso como única pista unhas bobinas de 16mm. Unha mensaxe encriptada onde se entrevé unha viaxe sobre o desapego e a procura dunha nova ligazón coa natureza.

 

GLIMPSES ON DEVIL EYE

UNHA OLLADA AO OLLO DO DEMO

Judith Adataberna | 2019 | 15:07 | España | EXP | COR

Trato de imaxinar que haberá dentro do ollo do demo. Tres cortinas caleidoscópicas atravesan a pupila maligna e penso, se dentro non haberá unha cova chea de tesouros e xemas preciosas, protexidas con furia por un dragón aterrador. O demo garda dentro de si as miradas máis doces e as visións máis belas, como unha ferida aberta abismada en dúas direccións. O mundo descomponse triste, cando todo é demasiado violento para ser visto. Agora que o penso, eu son ese demo.

 

LA JOVENCITA NO ENVEJECE, SE DESCOMPONE

A MOZIÑA NON ENVELLECE, DESCOMPONSE

Álvaro F. Pulpeiro | 2019 | 20:18 | Colombia, España | EXP, FIC | COR

Na Guajira, unha paraxe que parece non ter comezado nin ter cesado de existir, suspendido nun tempo que non pasa, elástico e eternamente crepuscular, unha moziña extravíase. A moza deambula sen voz, só con música, vento e area. Que procura e a onde se dirixe? Quizais escapa de algo que non ten remedio? A moza non envellece, descomponse.

Duración: 
80
Información da billeteira: 

Despacho de billetes do Teatro Principal. Aberto de martes a sábado (+ días de evento) de 18.00 a 21.00h. Semana do festival de 16:30 a 23:00h. Os días que hai evento no Teatro, a venta anticipada remata ás 20.00h e só se venden entradas para o espectáculo dese día. Teléfono: 981 542 349

Funcións: 
Luns, 30 Setembro, 2019
22:30
Teatro Principal

UBICACIÓN

Compostela Capital Cultural