Logo dunha longa traxectoria ensinando cine e un amor inexplicable polo papel, Belén Veleiro decidiu crear "Paper Cinético", unha actividade que reflexiona sobre o "papel" do papel no cinema explorando as infinitas posibilidades deste formato que permite transformar, entre outras cousas, a bidimensionalidade dunha folla de papel nun obxecto tridimensional en movemento.
O zoótropo foi un xoguete moi popular na súa época e un dos avances para a aparición do cine. Zoo significa vivo, activo, e o que conseguimos con este aparello xigante é darlle vida a obxectos inmóbiles.
Na construción deste aparello traballaremos tamén os rotorelevos de Duchamp. Unha experiencia espectacular!
Son obxectivos desta actividade:
– Comprender a natureza da imaxe en movemento e a ilusión óptica.
– Descubrir as posibilidades do cine como xogo de maxia.
– Crear a nosa propia película ou os nosos gifs analóxicos!
– Queremos facer o zoótropo máis grande do mundo.
Actividade apta para todas as idades.
O público miudo debe asistir acompañado.