PÚLSAR 2

DATOS BÁSICOS

CURTOCIRCUÍTO 2022

PÚLSAR 2

Un púlsar é unha pequena estrela de neutróns cun intenso campo magnético que emite pulsos a intervalos regulares. Curtocircuíto ten a misión de detectar e programar a autores e autoras emerxentes cun traballo sólido que xa delaten unha mirada e unha linguaxe propias. Púlsar é enerxía, novidade e risco.

Andrew Norman Wilson

Andrew Norman Wilson é un artista e director residente en Los Ángeles. Participou en festivais como Sundance, o Festival de Cinema de Nova York e Róterdan. A súa obra encóntrase en coleccións como a do Museo de Arte Moderna de Nova York, o Museo Whitney de Arte Americana e o Centro Pompidou, e ten exposto no LUMA de Arles, no MoMA PS1 e nas Bienais de Gwangju e Berlín. Foi profesor na UCLA, no SAIC e na Cooper Union, e conferenciante nas universidades de Oxford, Cambridge, Harvard e Yale. A súa obra ten aparecido en Artforum, ArtReview, BOMB, Frieze, The New Yorker e Wired, e os seus artigos en Artforum, e-flux e Paris Review.

In the Air Tonight

Andrew Norman Wilson | 2020 | 11:00 | EEUU | EXP, FIC | COR

O primeiro día de confinamento pola covid-19 en Nova York, Andrew Norman Wilson foi desaloxado da casa que tiña subarrendada e decidiu coller un voo de 30 dólares a Los Angeles esa mesma noite. Desde unha casa de campo con vistas ao letreiro de Hollywood, comezou a obsesionarse cun encontro que tivera cunha muller que conducía ao seu lado pola autoestrada cantando enfaticamente ao tempo a canción que el escoitaba na mesma emisora de radio. Esa canción era “In the Air tonight”, de Phil Collins.

Oda aos buscadores 2012

Andrew Norman Wilson | 2016 | 08:30 | EEUU | ANI, EXP | COR

Oda aos buscadores 2012 (2016) é o segundo proxecto desenvolvido por Wilson en colaboración co animador rumano Vlad Maftei. Foi ideado inicialmente no centro psiquiátrico Rockland, en Orangeburg, Nova York; onde o autor recibiu tratamento. Nel atópase o pavillón infantil abandonado que se ve no vídeo. Baseada nunha interpretación libre do poema de Keats "Oda a unha urna grega" (1820), a cinta emerxe dunha aplicación das técnicas formais do poeta a un vídeo en permanente bucle. A écfrase -descrición verbal e dramática dunha obra visual- trasládase da urna de Keats (e a escena festiva que representa) a un pavillón infantil abandonado dunha institución psiquiátrica e a unha escena xerada por ordenador por Wilson e Maftei. "Que propósito tolo? Que loita por escapar? Que gaitas e pandeiretas? Que tolo éxtase?".

Estrea en España

Z = |Z/Z-Z-1 mod 2|-1: O síndrome de Vila Lavanda

Andrew Norman Wilson | 2020 | 13:43 | EEUU | EXP, FIC | COR

Un teleobxectivo con un rango de 75 a 1500 mm, apoiado por un monólogo inconexo produto do consumo de anfetaminas, céntrase repetidamente sobre a terraza dun apartamento onde viven o narrador, os seis dous colaboradores, e os seus dous fillos xemelgos; nas emblemáticas Marina Towers de Chicago. Tras amosar unha serie de escenas baseadas en memes, a cámara detense sobre un Pikachu de papel maché que se fixo viral no ano 2013 tras ser publicado na páxina web Reddit. A partir daí, o narrador mantén unha discusión imaxinaria cos seus compañeiros sobre o entorno ao que son confinados os Pokémon cando, transformados en luz, residen entre batalla e batalla no interior das pokéball.

Estrea en España

O pasado impensable

Andrew Norman Wilson | 2016 | 02:18 | EEUU | EXP | COR

O pasado impensable (2016) foi o primeiro proxecto que Wilson desenvolveu en colaboración co animador Vlad Maftei, cuxa experiencia inclúe simulacións realistas de órganos para contextos sanitarios e tamén a elasticidade sen límites dunha película en 4D de Bob Esponxa. Para Wilson, estes solapamentos entre a visualización científica e a técnica cinematográfica son esenciais para entender a ciencia como unha práctica cultural, que ofrece información sobre a materia pero que non revela verdades existenciais. Os dous artistas colaboraron para crear un modelo 3D de Sinclair, o bebé da serie de marionetas Dinosauros (1991/94) de Jim Henson, e sometérono posteriormente a diversas análises científicas, entre elas a simulación, a disección, a reflexión e a endoscopia. O resultado é un bucle infinito no que a especulación sobre a intelixencia, experiencia e puntos de vista dun organismo revela inevitablemente a influencia das convencións cinematográficas e televisivas, nun intento de deixar ao público sabendo menos que ao comezo do experimento.

Estrea en España

Modelos de realidade

Andrew Norman Wilson | 2016 | 50:40 | EEUU | EXP | COR

Peppermint Park foi unha serie de televisión educativa producida na década dos 80 por un grupo de inversores que buscaban aproveitarse da moda creada por Barrio Sésamo e o seu modelo innovador de entretemento infantil educativo. O programa presenta un abano de monicreques que ensinan o abecedario, os números, os animais, etc. Cando era novo, lembro ter visto algunhas gravacións do programa feitas nuns VHS que tiña un amigo da familia, e lembro tamén morrer de medo cunha inexplicable secuencia de baile interpretada polo monifate dun espantallo. Nos últimos tempos, veñen aparecendo en internet algúns fragmentos da serie; e a miña relación co espantallo bailador pasou do espanto á obsesión.

Estrea en España

Duración: 
41 min
Entradas: 
  • compostelacultura.gal
  • Despacho de billetes da Zona C. Punto de Información Cultural. De martes a sábado, de 11 a 14 e de 16 a 19 h. Tel.: 981 542 462
  • Despacho de billetes do Teatro Principal. Os días de festival, desde 1 h antes do comezo da primeira sesión ata o comezo da última sesión. Tel.: 981 542 349
  • Numax: Entradas só para as proxeccións que teñan lugar nesta sala. Horario: de luns a sábado (excepto martes) de 10.30 a 14.00 e de 16 a 20.30 h. Martes de 16 a 20.30 h. Se hai proxección fóra deste horario, abriríase o despacho de billetes 10 minutos antes do inicio. Teléfono: 981 560 250

PRÉGASE USO PREFERENTE DA WEB PARA A ADQUISICIÓN DE ENTRADAS

Funcións: 
Sábado, 8 Outubro, 2022
19:45
NUMAX