OS NOMES QUE HABITAMOS

DATOS BÁSICOS

'Os nomes que habitamos: historias fiadas das mulleres de Compostela'

Pasear polas rúas empedradas de Santiago é mergullarse no pasado, mais sabemos canta da súa biografía colectiva está protagonizada por mulleres? Unha ollada á nomenclatura da cidade, reflexo da memoria colectiva no espazo público, amosa unha evidente invisibilización das súas habitantes, apenas presentes nas rúas identificadas con nomes propios.
Os nomes que habitamos: historias fiadas das mulleres de Compostela é unha proposta artística que tira do fío da historia co fin de convidar a reverter esta situación mediante a descuberta de mulleres anónimas que tamén construíron a nosa cidade. Como ferramentas para realizar esta exploración colectiva, combinaremos o emprego de fotografías antigas, protagonizadas por mulleres compostelás, e o bordado, unha expresión artística desenvolta tradicionalmente no ámbito do fogar como tarefa feminizada asociada ás artes decorativas.
A partir da recuperación do espírito da revolucionaria década dos 70, cando os labores téxtiles foron reivindicados coma ferramentas de expresión artística no plano público-político por artistas feministas como Louise Bourgeois, e inspirándonos no poder dos círculos de creación femininos, desenvolveremos unha serie de instalacións efémeras en diferentes espazos urbanos coas que visibilizar diversas historias de vida protagonizadas por mulleres.
A proposta artística partirá dunha convocatoria en redes sociais, lanzada en colaboración coas asociacións feministas da cidade, para recompilar fotografías de mulleres que, preferentemente, viviran antes de 1950. Estas imaxes, que procederán dos álbums familiares, deberán acompañarse obrigatoriamente cunha pequena presentación da protagonista, a fin de recompilar novos nomes para o rueiro de Compostela.
Unha vez realizada a recollida deste material, os retratos fotográficos serán transferidos a tea e intervidos con fíos. Finalmente, procederase a situar as pezas artísticas resultantes nos espazos públicos escollidos para a súa exhibición efémera.
Arte téxtil no corazón da cidade para mudar as desigualdades simbólicas da nosa historia colectiva.

 

 

 

 

Información da billeteira: 

CONVOCATORIA

ENVÍO ATÉ O 15 DE AGOSTO

Abre o teu albúm familiar e tira do fío da historia!

Buscamos imaxes de mullleres compostelás anteriores á decada de 1950 para femenizar o rueiro de Santiago de Compostela.

Envíaas, xunto co nome, apelidos, data e pequena biografía da persoa retratada ao mail

7hcoop@7hcoop.gal

Funcións: 
Luns, 31 Agosto, 2020
Ensanche

UBICACIÓN