MICROÓPERA AMOR E VIDA DE MULLER

Teatro Principal
DATOS BÁSICOS

A primeira das citas do XIX Ciclo de Lied será a Microópera 'Amor e vida de muller', cuxo gran protagonista será Robert Schumann. A proposta escénica, formulada polo artista multidiscilplinar malagueño Nicolás Augusto, integra dous célebres ciclos do compositor xermano -Amor e vida de Muller (1840), composto para piano e soprano, e Escenas do Bosque (1849), ideada para piano- para compoñer unha microópera cunha dramaturxia creada ex profeso a partir do sentido subxacente que destila a líña pianística do ciclo que dá título ao espectáculo.

A proposta está conducida a facer reflexionar sobre o amor romántico, levado até o punto da negación do "eu" e en favor da entrega incondicional á parella e as implicacións patolóxicas que poden arrastrar, así como a aceptación ou rexeitamento que provoca no público contemporáneo. A soprano armenia Hasmik Nahapetyan, os actores María Cervantes e Juna Francisco Contreras e a pianista Mª Teresa García Molero serán os intérpretes desta microópera.

Identidade e introspección in extremis
Conta a lenda que o emperador Wudi, namorado da xove cortesá Li, despois de ver na rúa a un neno xogando coa sombra, fixo construír unha boneca que recordase á súa amada falecida prematuramente para reencontrarse con ela mediante a proxección de sombras chinescas. Independentemente do conto, o feito é que este tipo de teatro espallaríase por toda Europa ate chegar a España onde mesmo Goya se rendería aos seus encantos, e facendo deste un espectáculo de entretemento accesible á poboación. Un xeito de achegar ou revivir historias lonxanas ou mesmo fantásticas sen mais artificio que unha luz, unha pantalla, unha silueta e o maxín ou o recordo... 

Nesta microópera, proposta particular de Nicolás Guindo estreada no Teatro da ESAD de Málaga a finais de 2017, flúen de xeito interesante dous ciclos schumannianos de distinta natureza: por un lado o liederístico  Amor e vida de muller (Frauenliebe und Leben op. 42, 1840) para soprano e piano, que se impón no título; e por outro, o pianístico Escenas do bosque (Waldszene op. 82, 1848-1849). Amor e natureza, dous piares do romanticismo que Robert Schumann enfila cara ás luces e sombras; en fin, as emocións e o sentir máis profundo do ser humano.

O director malagueño suxírenos unha trama intimista que ten como protagonista unha moza burguesa do século XIX plenamente namorada do seu esposo, que se ve na obriga de marchar para a guerra, deixándoa na compaña dun fillo e dunha criada. Dende ese punto de partida sucédese un amplo abano de momentos de gran inestabilidade emocional intercalando obras dámbolos dous ciclos. O resultado pretende ser unha confrontación contrastante entre as sublimes melodías da partitura coa crueza psicolóxica dos personaxes da posta en escena. Todo un reto vertebrado arredor da dor, do amor idealizado e da entrega incondicional dende a exposición dos máis recónditos sentimentos do ser.

O universal Robert Schumann (1810-1856) é unha das figuras máis significativas do romanticismo musical, xa non só pola súa labor compositiva de gran personalidade, senón tamén polas súas vivencias, ao fin e ao cabo, as dúas facianas imprescindibles á hora de elaborar un corpus de tan fonda afectividade.

Autodidacta de formación, debaterase na súa xuventude entre a literatura e a música, as súas dúas grandes paixóns. Curiosamente será o seu pai, libreiro de profesión, o que decida encamiñar ao seu fillo Robert baixo unha perspectiva práctica e produtiva cara á carreira de Dereito, que non remata. Con 18 anos é cando recibe instrución musical oficiosa de mans de Friedrich Wieck, que pasará de mestre a difamador tras descubrir a súa relación en segredo coa súa xovencísima filla Clara (1819-1896).

Os namorados non deron en acougar un día, que era o que lle faltaba a Clara para cumprir a maioría de idade, e casan un 12 de setembro de -precisamente- 1840. A xa famosa pianista e compositora estaba a labrar un futuro como concertista de recoñecemento, e que deixa en segundo plano para completar a Schumann. Ela, a forza; el, a espiritualidade. Complemento perfecto.
En si, a posta en escena ven a enfatizar e incidir a pretensión da obra de Schumann. No caso do ciclo Amor e vida de muller, baseada no texto orixinal de Adelbert von Chamisso (1781-1838), son oito os poemas que harmoniza o compositor alemán e que fan un percorrido polos temperamentos que acarrexa a vida amorosa dunha moza dende a primeira vez que ve ao namorado ata que o despide. Dende a calma e sinxeleza de 1. "Seit ich ihn gesehen" (Dende que o vin) pasamos á vehemencia lograda a través dun ritmo incisivo no piano e aos adornos vocais de 2. "Er, der Herrlichste von allen" (El, o máis magnífico de todos), que aínda acadará cotas maiores de apaixonamento e felicidade plena con 3. "Ich kann's nicht fassen, nicht glauben" (Non podo comprendelo, crelo). Os seguintes, 4. "Du ring an meinem finger" (Ti, anel do meu dedo) e 5. "Helft mir, ihr schvestern" (Axudádeme, irmás) constitúen o momento de pedida e casamento, respectivamente. A moza, recoñécese segura e sosegada para dar o paso con firmeza no caso da primeira, e efusiva e entusiasta na seguinte. 6. "Süßer freund, du blickest" (Doce amigo, mírasme asombrado) reflicte o gozo e a quietude despois da entrega carnal; non así con 7. "An meinem herzen, an meiner brust" (Ao meu corazón, ao meu peito), referíndose ao instante da maternidade, onde o xúbilo ven remarcado polo piano cunha figuración áxil con arpexios nas dúas mans e ritmo incisivo. Nada que ver con 8. "Nun hast du mir den ersten schmerz getan" (Agora que me causaches a primeira dor), totalmente estático, baixo un ritmo lento, sen adornos e predominando notas longas e harmonías ásperas, tratando de mostrar a dor desgarrada e a exasperación da protagonista na despedida do finado.

Escenas do bosque, pola súa parte, aínda que está configurada por nove números exclusivamente pianísticos (1. "Eintritt" Entrada, 2. "Jäger auf der lauer" Cazador preparado, 3. "Einsame blumen" Flores solitarias, 4. "Verrufene stelle" Lugar embruxado, 5. "Freundliche landschaft" Paisaxe amigable, 6. "Herberge" O albergue, 7. "Vogel als prophet" O paxaro profeta, 8. "Jagdlied" Canción de caza e 9. "Abschied" Despedida) e totalmente alleos á temática do primeiro ciclo, non deixa de ter relación co concepto de música programática ao estar apoiada en textos literarios seguindo a intención do autor de propiciar no espectador unha imaxe ou un sentir. Neste caso só a número catro mantén o fragmento inicial.

Quizais o máis destacado deste romántico por excelencia sexa a base da súa linguaxe musical. Aínda que a literatura ten unha supremacía substancial e indiscutible, entendida case como condicionante da obra que inflúe ata na forma, non resta que soubera acadar un equilibrio co aspecto musical, fuxindo do virtuosismo fastoso e vaidoso, o que non implica que a súa música sexa sinxela, nin moito menos. Fixou un estilo persoal, adiantado á súa época, sempre perseguindo a expresión de sentimentos con sublime sensibilidade. En palabras do propio Schumann:

«(...) a música é a forma artística que fai que o home sinta o principio superior do seu ser e sexa conducido dende a vulgaridade da vida cotiá ao Templo de Isis, onde a Natureza lle fala en sons divinos que nunca escoitara ata entón, pero que entende de seguida".

R. Schumann, Neue Zeitschrift für Musik (1834)
B. Cancela

 

Duración: 
90
Entradas: 

Despacho de billetes do Teatro Principal. Aberto de martes a sábado (+ días de evento) de 18.00 a 21.00h.
Os días que hai evento no Teatro, a venta anticipada remata ás 20.00h e só se venden entradas para o espectáculo dese día.
Teléfono: 981 542 349
compostelacultura.gal

PREZO: 8 € (cos descontos habituais do 50%). Abono para os 3 concertos: 18 € (só se pode mercar no Teatro Principal)

Funcións: 
Martes, 11 Setembro, 2018
20:30
Teatro Principal