MESA CREACIÓN MUSICAL

DATOS BÁSICOS

CURTOCIRCUÍTO 2022

[ʝuˈtub] / a tiranía da imaxe na creación musical

Como nos relacionamos coas imaxes desde a creación sonora?

A plataforma dixital con maior número de reproducións de contido musical na actualidade segue a ser, aínda que pareza imposible, Youtube; unha plataforma de contido audiovisual na que o son está obligatoriamente acompañado dun vídeo ou dunha imaxe.

Portadas de álbumes, logos, videoclipes, identidades gráficas, visuais en directo, publicacións en RRSS: reels de Instagram, banners de Spotify, clips de TikTok… A imaxe acompaña e complementa os discursos musicais dun xeito cada vez máis protagonista.

Nesta época tiranizada pola imaxe, onde a dixitalización e Internet levan consigo a facilidade de difusión e o consumo de contidos, conversamos coas creadoras musicais galegas Anxela (Bala), Nuno (Grande Amore) e Berto (Verto) sobre a relevancia da linguaxe visual nos seus traballos musicais.

Anxela Baltar

Anxela é licenciada en Ciencias Políticas, pero dende hai máis dunha década está moi implicada na industria cultural, e sobre todo na música, onde traballa detrás dos escenarios en distintas labores de comunicación e produción, pero tamén sobre eles como fundadora, compositora e música no grupo BALA. A banda xurdiu en 2013, cando Anxela e Violeta Mosquera xúntanse para tocar co único propósito de pasalo ben e facer moito ruido. Con este proxecto viaxaron por lugares como Australia, Xapón, EEUU, Colombia ou varios países europeos. Tras Human Flesh (Matapadre, 2015) e Lume (Matapadre, 2017) chegou Maleza en 2021 da man de Century Media. Este último disco supuxo un salto moi importante na carreira do grupo, que xa traballa en temas novos para o ano 2023. Anxela é ademais dende 2019 vogal na xunta directiva da Asociación MIM (Mulleres da Industria Musical), que traballa pola igualdade e a visibilización das mulleres dentro desta industria.

Nuno Pico

Se algunha das persoas que está lendo isto me coñece, seguramente sexa pola música. Quero dicir, por pura estatística, é máis probable que lle soe o meu nome e a miña cara a alguén por ser o tipo que canta en Oh! Ayatollah e Grande Amore que pola miña carreira cinematográfica, que consiste en: 1) ser o protagonista dun falso spot publicitario que fixen cuns amigos meus para a clase de Lingua Castelá en 4º da ESO e 2) ser o tamén protagonista dun (?) sketch documental (?) sobre as salas de cine en Compostela, realizado este no 2018, cando cursaba eu 2º de CAV, e no cal aparezo co pelo afro, unha camisa de flores e un bigote pintado. Por que participo entón nunha mesa redonda no Curtocircuito? Non o sei, a verdade. Iso si, estou moi agradecido e para min é unha honra moi grande, que o cine sempre me gustou moito".

Berto

Berto é un cantante compositor, guitarrista e produtor musical nado en Pontevedra. Graduado en Medicina na USC e estudou na escola Euterpe guitarra clásica. Comezou na música en 2019 co seu grupo Verto, que rematou en 2021 e agora está en solitario co proxecto Berto. Actualmente tamén é produtor musical de proxectos como Fillas de Cassandra, Nia Twee ou Maiko Leinad, entre outros.

Mesa moderada por Acacia Ojea:

Con formación musical clásica, Acacia Ojea (Vigo, 1994) gradúase en Belas Artes en 2017. Traballa no sector cultural en cidades coma Marsella e Porto dentro do ámbito das artes vivas e do cinema e instálase en Madrid onde realiza os seus estudos de posgrado en Creación Audiovisual Contemporánea e posteriormente en Composición Electroacústica e Novos Medios. Mentres continúa co seu proxecto de djing e pesquisa na electrónica experimental e na música deconstruida, a súa investigación artística xira ao redor dos estudos sonoros, a linguaxe fílmica e as redes semióticas. 

Entradas: 

Entrada de balde previa inscrición en curtocircuito.org

Funcións: 
Xoves, 6 Outubro, 2022
13:00
Museo das Peregrinacións