Itinerario polos lugares de memoria arredor da figura do construtor de órganos compostelán
DE LUGARES E ÓRGANOS
OUTRAS PAISAXES, OUTROS TONS DA CIDADE
Cando Mariano Tafall y Miguel chega a Santiago de Compostela, no ano 1854, era xa un competente músico multinstrumentista da catedral de Burgos que, ademais, tiña emprendido algunhas pequenas obras de organaría. Porén, entra na catedral compostelá en calidade de “mestre organeiro”, sen que saibamos ben as circunstancias precisas que levan o cabido a outorgarlle este posto de tanta responsabilidade. O que si sabemos é que, cando morre, en 1874, era un músico plenamente integrado na vida musical da cidade, un artesán de alto prestixio e, sobre todo, o autor dun libro que pronto lle habería de dar sona a nivel mundial: Arte Completo del Constructor de Órganos. É esta unha obra que está “entre os máis completos e prácticos tratados sobre construción de órganos históricos”, cuxa importancia “dificilmente pode ser subestimada para os investigadores, restauradores e organistas de hoxe en día”, como é referida en The Organ: An Encyclopedia.
Este itinerario levaranos por diferentes fitos relacionados coa biografía, a actividade profesional e obra deste organeiro. Para iso, contamos coa colaboración dun dos grandes expertos no tema, o músico, profesor e investigador, Miguel A. López Fariña, así como coa organista Alejandra Escolante que fará soar un dos poucos órganos que se conservan do construtor, o órgano da capela da Virxe do Portal, do convento de Belvís.
PUNTO DE ENCONTRO: Diante da Capela da Virxe do Portal do Convento de Belvís