INAUGURACIÓN 'SONS IMPROBÁBEIS'_AUDITORIO

DATOS BÁSICOS

Sons improbábeis explora as diferentes dimensións do son dentro das artes visuais. Dunha parte, trátase de recoller diferentes mostras da chamada arte sonora, expresión cada vez máis presente dentro do traballo dos artistas contemporáneos, ao tempo que busca tamén adentrarse na investigación da presenza do son e do musical como parte integrante ou como tema de obras executadas dende a combinación de medios. Así, linguaxes como o audiovisual ou a instalación, que integran o son como parte fundamental dos seus desenvolvementos. Por outra banda Sons improbábeis tamén quere visitar obras de artistas que traballan co musical como tema dende disciplinas máis tradicionais da práctica artística como a pintura ou a escultura.

Para trazar a estrutura deste exposición, considéranse tres eixos temáticos: un primeiro relativo á arte sonora, no que se integran traballos de artistas que parten do son como materia prima esencial dende a que construír a obra; un segundo eixo adicado á relación da obra artística co universo da chamada música culta nos seus desenvolvementos clásicos e contemporáneos, así como na relación cos seus espazos de escoita ou os seus sistemas de notación; por último, unha parte da mostra estará adicada á relación establecida entre a arte visual e a música pop e todo o universo de imaxinería que rodea a estas prácticas musicais na actualidade.

Sons improbábeis non pretende ser unha exposición de tese senón máis ben, unha experiencia inmersiva para o espectador, que irá descubrindo no seu percorrido, a multiplicidade e riqueza de propostas artísticas nas que o son é protagonista fundamental. A mostra busca a implicación do público a través da creación de diferentes espazos expositivos, instalacións e recursos sonoros que xeraran un percorrido rico en matices e experiencias ante a obra.

Sons improbábeis quere seguir, dende outra perspectiva, coa liña de traballo aberta coa exposición Mirar o son. Notación gráfica na música contemporánea (Auditorio de Galicia, setembro -novembro 2020) de achegamento á linguaxe musical para un espazo tan senlleiro como o Auditorio de Galicia no que á relación entre música e artes visuais se refire. Mirar o son foi comisariada por Ignacio Barcia e Iñaki Martínez Antelo,

Na exposición mostranse traballos de Xoán Anleo (Marín, 1960), Vasco Araújo (Lisboa, 1975), Amine Asselman (Toulouse, 1989), Misha Bies Golas / Benxamín Otero (Lalín, 1977 e 1979), Gonzalo Elvira (Patagonia, Argentina, 1971), Ana Gesto (Santiago de Compostela, 1978), Juan López (Ferrol, 1973), Julia Llerena (Sevilla, 1985), Vítor Mejuto (Barcelona, 1969), Macarena Montesinos (Vigo, 1982), Luisa Pastor (Alicante, 1977), Ana Pérez Ventura (Santiago de Compostela, 1981), Alejandra Pombo Su (Santiago de Compostela, 1979) e Susan Philipsz (Glasgow, 1965).

Iñaki Martínez Antelo, comisario

 

Entradas: 
  • APERTURA 28 DE XUÑO ÁS 20.00 H
  • Os domingos 24 e 31 de xullo a sala de exposicións pecha as 14.00h
  • Do 15 ao 28 de agosto (ambos incluídos) o Auditorio de Galicia está pechado.

___

  • HORARIO Sala Isaac Díaz Pardo_Auditorio de Galicia
  • Todos os días de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 h

    (Os días de concerto a sala de exposicións pecha ás 19.00 h)

  • Entrada de balde

  • PROTOCOLO DE ACCESO SEGÚN MEDIDAS SANITARIAS VIXENTES

Para consultar o protocolo de acceso preme aquí

Funcións: 
Martes, 28 Xuño, 2022 a Domingo, 16 Outubro, 2022
Auditorio de Galicia