FESTIVAL DA LECTURA SELIC 2021

DATOS BÁSICOS

Un festival para compartir lecturas
Un punto de encontro para as persoas que lemos
Un espazo para debater entre as que escribimos
Porque non precisamos excusas para falar de libros
Dez días para atoparnos coas letras en Compostela

A Semana do Libro de Compostela centra a acción cultural da capital galega do 10 ao 19 de setembro atraendo ás lectoras e lectores á rúa. A Selic 2021 chega para propoñer lecturas, para artellar encontros sobre os libros e as persoas que están(mos) arredor deles. Deixando a un lado as presentacións ao uso, este segundo ano de pandemia a Selic persegue o debate e a conversa sobre lecturas. Máis de medio cento de títulos protagonizan o festival nesta 5ª edición que se vai desenvolver ao aire libre entre a rúa do Vilar e a praza de Praterías, empregando tamén os espazos do edificio de Afundación na mesma rúa da zona vella. As casetas alí situadas serán o marco dos diferentes encontros do corpus literario do festival.

Ler é comprender, máis tamén adiviñar. Na Selic as lecturas van fiar as historias de Compostela paso a paso, pedra a pedra, nos paseos literarios da man de Berta Dávila, Marcos Calveiro, Andrea Barreira e Carlos Labraña; así como nos percorridos pola cidade levada ao cinema e polos lugares que habitou Emilia Pardo Bazán, que tamén centrará un encontro coas escritoras que están a recuperar e repensar a súa obra.

Narrativa, poesía, ensaio, tradución, cinema, teatro, ilustración, contacontos, música e xornalismo. Todas levan á lectura. Ao feito último (ou primeiro) de ler. Por que lemos? Que nos aporta? A lectura alimenta as nosas neuronas, diso falará Xurxo Mariño; pero vai moito máis alá, conforma o que somos, como vai debullar Emma Pedreira. Domingo Villar falará do seu novo libro de contos e os últimos gañadores dos Premios Xerais conversarán arredor das súas obras para todos os públicos.

Baleiro, O novelo e Partida salvada, os títulos galardoados cos Premios Selic 2020 estarán presentes nesta nova edición da man dos seus autores. Este ano, a convocatoria da nova edición do certame está aberta até o 30 de setembro. Non todo será ficción, Luís Pardo entrevista a Esteban Hernández sobre as claves a partir da situación político-económica; Alfonso Espiño fai arqueoloxía musical en Compostela e Alberto Berzosa e Xosé M. Buxán trazan un percorrido pola escena underground dos setenta e oitenta.

Máis de trinta accións arredor da lectura, das lectoras e autores, e das autoras e lectores, para compartir o que lemos. A Selic 2021 é unha festa da lectura no medio dunha pandemia. Todas as accións do festival están pensadas e dimensionadas para as circunstancias actuais, marcadas pola COVID-19, e o uso das máscaras será obrigatorio en todo momento. A maioría das actividades van decorrer na rúa, ao aire libre, coas distancias e as medidas de seguridade precisas. O que está programado no interior contará cun aforo máis reducido, distancias, xel hidroalcohólico e todas as restricións adicionais que se requiran polo coronavirus no momento da celebración.

Librarías e editoras
As librarías e editoras de Compostela estarán representadas nas dez casetas que conformarán o espazo da Selic na rúa do Vilar, que se converterá na milla da lectura de Santiago do 10 ao 19 de setembro. aCentral Folque, Alvarellos editora, Árbore Azul, Bunker Books, Carlos Meixide, Consorcio de Santiago, Cuarto de inverno, Fundación Anselmo Lorenzo, Irmás Cartoné, Libraría Lila de Lilith, Libraría Numax, Libraría Pedreira, Patas de peixe, USC. Servizo de Publicacións e Librería Aenea pasarán polo festival.

Horarios
Na fin de semana o horario do festival na rúa do Vilar irá das 11.30 ás 14.00 horas e das 16.30 ás 21.00 horas. Durante a semana as actividades centraranse na tarde, de 16.30 a 21.00 horas.

 

- DESCARGA AQUÍ O PROGRAMA CON TODA A PROGRAMACIÓN

- ACCEDE AQUÍ Á WEB DO EVENTO

- BASES DOS PREMIOS SELIC 2021

Entradas: 

ENTRADA DE BALDE

Asignáranse as butacas por orde de chegada ata completar a capacidade do espazo.

Para os paseos literarios é necesario anotarse previamente en paseos.compostela@maos.gal.

Funcións: 
Venres, 10 Setembro, 2021 a Domingo, 19 Setembro, 2021
Varios lugares