ENTREGA DO PREMIO CINEUROPA A ZARAUZA E ESTREA DE 'ONS'

DATOS BÁSICOS

 

PANORAMA AUDIOVISUAL GALEGO

DOM 22, 20:00 | TEATRO PRINCIPAL _Entrega do Premio Cineuropa a Alfonso Zarauza e proxección do filme

DOM 22, 20:00  | AUDITORIO DE GALICIA_SALA MOZART_ Proxección do filme

Antes dos cadáveres exquisitos de A noite que deixou de chover lembro –confío en que non me falle a memoria- que o meu primeiro coñecemento de Alfonso Zarauza se produciu a través duns apuntamentos cinéfilos que el publicaba nun diario local. Se é así, eran anotacións que exhalaban devoción polo cinema e unha mirada construtiva e moi debedora do cinema clásico. Cando xa se sabe que nesa ocupación de escribidor sobre a sétima arte só se prospera xerando bile populista que abraie e te faga sentir o Defensor do Espectador, como a Encarna Sánchez da butaca. Ou ben apostando por ser o must das vangardas e descubrir un talento súbito en calquera diletante sobre o que ti constrúas a túa igrexa endogámica e os teus followers.

Se aquel Zarauza que escribía os seus apuntamentos no diario local era Alfonso –se non era el sería un dos seus cadáveres exquisitos- xa se conformaba nel unha coherencia que acompañou a súa obra cinematográfica: un xeito de ser fiel a unha idea do cinema que, sen ignorar a modernidade e as novas ondas, non renuncia ás bases narrativas do clásico. E iso, nestes tempos de tantos “ismos” forzados, é como ir a contracorrente cando o que parece que triunfa é a impostura ou a baleira solemnidade.

Lembro –isto si é seguro- como unha apertura de Cineuropa especialmente feliz a que enmarcou a estrea en 2008 da súa primeira longa, A noite que deixo de chover. Nel decantábase outro contraforte case cosmogónico no cinema de Zarauza. A fantasía da súa cidade, Compostela, como a Roma mitificada por Fellini virada cara o patidifuso. Así, en A noite que deixou de chover, Alfonso recrea a súa Vía Veneto con jet set de bohemios esfarrapados, nese Santiago-era- unha-festa cuxo fulgor é o último escintileo antes do apagamento da crise. Ou, doutra forma, como reformula esas rúas outonizadas pola luz excelente do seu xa inseparable Alberte Branco Bertitxi, como un Trastevere de colegas en ilusa fuxida cara adiante cando xa o afogo económico e vital aperta nesa película que medra e medra co tempo que se chama Encallados. E que tamén festexamos noutro Cineuropa.

A ver se acerto ao dicir que nesa mesma edición de 2014 vivimos outro pase de verdadeira euforia colectiva con outra obra de Zarauza, A viaxe dos Chévere. Por un deses estraños azares do ben ou mal visto polo poder efémero, organizamos unha clausura improvisada do festival, algo como moi off-Cineuropa, unha cita semiclandestina no Salón Teatro ateigado, no cal semellaba que os Chévere, que viñan dun Premio Nacional, eran recibidos como os Rolling Stones, nun acto de desagravio da cidade e de agasallo de todos os amigos. E como se A Viaxe dos Chévere fosen as bobinas de Viridiana que Domingo Dominguín fixo pasar de matute por diante da censura nunha furgoneta de apeiros taurinos. Canto o gozamos. E como Zarauza, o seu cinema e a súa persoa, son sentidos como garantía de celebración, xa para sempre na pel deste festival.

Ons –xa a verán- paréceme unha progresión no concepto narrativo da súa filmografía. Nela, a forza do fóra de campo, da elipse, da ópera aberta do que puido ser dunha muller que chega coa néboa ou co verán, segundo como os seus sentidos o queiran ver, supón unha apertura de espazos cara o vivido ou o imaxinado. O que vai do realismo social de Os fenómenos -unha película que expuña o conflito laboral do cinema político enriquecido polo protagonismo do canon feminino disruptivo, dunha forma que seguro subscribiría a gran teórica de cinema e feminismo Laura Mulvey- a esta nova obra de Zarauza, esta Ons que ten algo da Ondina de Christian Petzold, sen que a primeira vista se parezan en pouco máis que a auga que nos leva. E do fermosa que é esa maneira orgánica na cal o círculo aberto entre Alfonso e Cineuropa en 2008, cunha rusa que se chamaba Macarena e aqueles cadáveres exquisitos e vivísimos d’A noite que deixou de chover se pechase doce anos despois na clausura desta 34a edición cos misterios e as sombras de Ons. Só para abrir con el outros círculos de inmediato. Ou un mandala, se nos poñemos. José Luis Losa

 

Finalizada a entrega do premio o público asistente poderá ver o filme 'Ons'

 

PANORAMA AUDIOVISUAL GALEGO

ONS (2020)

 

Alfonso Zarauza

España / 87 min. / Ficción / Galego, castelán

 

Ficha artística:

Melania Cruz, Antonio Durán ‘Morris’, Xúlio Abonjo, Anaël Snoek, Marta Lado, Diego Anido, Cris Iglesias, Miguel de Lira

Ficha técnica:

Guión: Alfonso Zarauza, Jaione Camborda Coll

Fotografía: Alberte Branco AEC
Edición: Fernando Alfonsín
Produción: Maruxiña Film Company, Bando à Parte

 

Tras unha profunda depresión pola morte da súa amante nun accidente de coche, o doutor Vicente chega xunto coa súa esposa Mariña a unha remota illa atlántica coa intención de pasar o verán, curar a súa enfermidade e recuperar o seu matrimonio. A vida na solitaria illa senta ben a Vicente, que lle pide á súa muller prolongar a súa estancia e pasar o outono. Cada día vaise sentindo mellor ata que, tras un naufraxio en medio dun temporal, unha misteriosa e amnésica muller estranxeira aparece na illa e irrompe nas súas vidas. A partir dese momento xa nada volve ser o que era.

 

Alfonso Zarauza

(Santiago de Compostela, 1973)
É un dos directores galegos cunha traxectoria máis longa e prestixiosa na actualidade. Como director realizou anteriormente tres longametraxes de ficción que obtiveron premios internacionais -La noche que dejó de llover (2008), Los fenómenos (2014), Encallados (2013)-, un documental -A Viaxe dos Chévere (2014), seis curtametraxes, dúas series de ficción e máis de vinte videoclips e pezas experimentais.

Duración: 
90 min
Entradas: 

VENDA E RETIRADA DE CONVITES

  • Para as proxeccións de todas as salas
    • compostelacultura.gal
    • Despacho de billetes do Teatro Principal: de 15.30 a 21.00 h e polas mañás desde unha hora antes do inicio da proxección.
  • Para as proxeccións do Auditorio de Galicia tamén se poden retirar na propia sala desde unha hora antes do inicio dos filmes.
  • Para as proxeccións de Numax tamén se poden mercar na propia sala no seu horario habitual (numax.org)

PRÉGASE USO PREFERENTE DA WEB PARA A ADQUISICIÓN DE ENTRADAS

CONSULTA O PROTOCOLO DE ACCESO A ESPECTÁCULOS NA PORTADA

Funcións: 
Domingo, 22 Novembro, 2020
20:00
Teatro Principal