ENTREGA DO PREMIO CINEUROPA A JAVIER GUTIERREZ

DATOS BÁSICOS

SAB 14, 20:00 | TEATRO PRINCIPAL

Javier Gutiérrez Álvarez naceu en Luanco, Asturias, o 17 de xaneiro de 1971, aínda que con pouco máis dun ano a súa familia trasladouse a Ferrol. Gañou o Goya como mellor actor en 2014 por La isla mínima e en 2018 por El autor. Vén de rematar La hija, a súa nova colaboración con Manuel Martín Cuenca.

Comprendo a impresión que provocou a presenza de Javier Gutiérrez en La isla mínima, no seu pase de prensa no Teatro Principal, dentro da competición do Festival de Cine de San Sebastián de 2014. Creo que a palabra que define de xeito máis preciso aquela irrupción de Gutiérrez sería a dun shock.

O seu traballo, dentro da película de Alberto Rodríguez, é unha interpretación que posúe o valor de ser unha desas claves de bóveda sobre as cales se sustenta todo o andamiaxe dramático no explícito dunha obra. O aspecto máis perturbador de La isla mínima –máis aló do evidente dos asasinatos e os corpos na marisma– é a súa lectura política dos cadáveres mal enterrados da Transición. Dos poderes do botín de guerra que chegaron ao tardofranquismo con dereito de pernada e máis. E esa ambigüidade do tipo que parece alguén en quen confiar, pero que sabes que formou parte do escuro pasado da represión e a tortura, fai do personaxe do policía que sostén de xeito titánico Javier Gutiérrez o home da situación. Sen el, todo o lúgubre fora de campo sociopolítico que axiganta La isla mínima non estaría aí. E para conseguir alimentar esa figura, Javier Gutiérrez desprega unha sabedoría inmensa. Fíxome pensar, cando o vin, no Gene Hackman de Mississipi burning, de Alan Parker, onde tamén este carga sobre os seus ombreiros cos sobreentendidos e as fallas entre a xeración dos mozos liberais de Bobby Kennedy, representados por Willem Dafoe, e a presenza de séculos do supremacismo branco. Vendo a Javier Gutiérrez en La isla mínima pensei tamén moito no Al Pacino das aldrabadas sobre a violencia policial, Serpico ou Tarde de cans, que asinaba como ninguén Sidney Lumet.

Naquela epifanía colectiva de Javier Gutiérrez en San Sebastián non me pareceu oportuno apuntar que aquel actor xa me impresionara nunha película de Álex de la Iglesia para a serie de televisión Películas para no dormir titulada La habitación del niño. É unha das poucas obras de Álex de la Iglesia que realmente me interesa. E dela quedeime con como Javier Gutiérrez equilibraba unha desas tramas de terror conspiranoico tan difíciles de equilibrar no arame. Si me atrevín a mencionar naquela éxtase de San Sebastián algo sobre a súa extensa e notabilísima traxectoria teatral. E que ata tiña un Max polo seu marabilloso Argelino, servidor de dos amos, un Goldoni relido para falar dos refuxiados e o seu sometemento ás relacións de dominio. Pero xa se sabe que para unha maioría abafadora dos críticos de cinema o teatro é ancho e alleo. De tal forma, uninme á celebración, porque a faena merecíao.

Hai agora tres anos celebramos o Premio Cineuropa de Manuel Martín Cuenca coa proxección de El autor. E, nun golpe de efecto que preparamos e que saíu ben porque Manolo non se decatou de nada, Javier Gutiérrez apareceu no escenario para enriquecer o tributo. Logo vimos El autor, que é como un malsano Polanski ao quimérico inquilino e rebozado dunha maneira de españolear que fai aínda máis densa a atmosfera na cal Javier Gutiérrez se abre en carne viva, se reencarna nese ser que non é el, que parece o seu doppelganger: ese letraferido que daría todo o que posúe por escribir un gran libro. É unha interpretación que de novo me fixo pensar nalgún dos grandes do Método. Non sei se Gutiérrez levaría nesa rodaxe cada noite a casa ao “autor”. Agardo que non. Aínda que se así fóra, a ofrenda desa interpretación valería cando menos unha libra de carne da parte máis próxima ao corazón.

Non direi máis porque Javier Gutiérrez sempre o dá todo. Podes aterrar en calquera punto do seu activísimo crossover que el transita como ponte de prata da televisión –xa sexa nunha serie xeralista ou nas delicatessen con Juan Cavestany– ao cinema e ao teatro (anda agora nun Raymond Carver). E sabes que en calquera punto dese arco de emocións –a tenrura de Campeones ou El olivo, a vilanía de El desconocido, os claroscuros dos dolorosos antiheroes que lle valeron dous Goyas, ou aquel pai enfrontado ao pánico insondable de La habitación del hijo- Javier Gutiérrez vai transmitir veracidade orgánica. E o sentido de admiración que provocan eses elixidos que saben como baleirarse en cada prego dos seus personaxes e retornar desa operación íntegros e aínda máis veraces. Xa terminou La hija, de novo co gran Martín Cuenca. É a mellor noticia que escoitei sobre o 2021. José Luis Losa

Finalizada a entrega do premio o público asistente poderá ver o filme 'El Olivo'

 

EL OLIVO (2016)

Icíar Bollaín

España, Alemaña / 98 min. / Ficción / Castelán, alemán, francés, inglés

Ficha artística:
Javier Gutiérrez, Anna Castillo, Pep Ambròs, Manuel Cucala, Miguel Ángel Aladrén

Ficha técnica:

Guión: Paul Laverty
Fotografía: Sergi Gallardo
Edición: Nacho Ruiz Capillas
Produción: Juan Gordon, Michael Weber, Viola Fügen

2017: Mellor Actriz revelación (Anna Castillo) nos Premios Goya

Alma é unha moza de 20 anos que traballa nunha granxa de polos no interior de Castellón. O seu avó, a persoa que máis lle importa neste mundo, deixou de falar supetamente varios anos atrás. Alma está obsesionada coa idea de que o único que lle pode devolver a fala é recuperar a oliveira que vendeu a familia contra a súa vontade hai 12 anos. Para iso, a moza embárcase nunha viaxe co seu tío, o seu compañeiro de traballo, uns amigos e o resto da vila cara a algún lugar de Europa na procura do monumento da oliveira.

Duración: 
100 min
Entradas: 

VENDA E RETIRADA DE CONVITES

  • Para as proxeccións de todas as salas
    • compostelacultura.gal
    • Despacho de billetes do Teatro Principal: de 15.30 a 21.00 h e polas mañás desde unha hora antes do inicio da proxección.
  • Para as proxeccións do Auditorio de Galicia tamén se poden retirar na propia sala desde unha hora antes do inicio dos filmes.
  • Para as proxeccións de Numax tamén se poden mercar na propia sala no seu horario habitual (numax.org)

PRÉGASE USO PREFERENTE DA WEB PARA A ADQUISICIÓN DE ENTRADAS

CONSULTA O PROTOCOLO DE ACCESO A ESPECTÁCULOS NA PORTADA

Funcións: 
Sábado, 14 Novembro, 2020
20:00
Teatro Principal