CURTOCIRCUÍTO
Dame Area
En Dame Area, Silvia Konstance e Viktor L. Crux (tamén en proxectos como Futuro de Hierro, Ordre Etern o Qa'a, e colaborador ocasional de Nurse With Wound e Jochen Arbeit de Einstürzende Neubauten) mesturan sintetizadores e percusión en vivo, industrialismo e tribalismo. Hai quen os califica de tribal wave, outros de EBM latino; algúns refírense a eles como techno-punk e outros como post-punk industrial.
O seu anterior LP, Ondas tribales, publicado en abril do 2021 pola discográfica berlinesa Mannequin Records, esgotouse a meses do seu lanzamento e acaba de ser reeditado. O seu último traballo "Esto me pertenece" é unha mestura industrial con EBM, percusións metálicas e ritmos atípicos, co espírito minimalista de Suicide sobrevoando cada nota.
Dame Area nunca perde de vista que o imporante non son os bombos grandes, os sintetizadores constantes ou as percusións, senón a actitude. E o certo é que, a pesar da escuridade patente, todo en Dame Area é unha grande incitación para reclamar o que é teu: o presente.
Yung Prado
Yung Prado forma parte de Mainline, o colectivo referente da electrónica de Barcelona. Ten publicado traballos en selos internacionais como MMODEMM Frankfurt e Young Ethics de Dj Seinfeld. O seu debut ¿Qué pasa? EP escoitouse tanto na prestixiosa NTS Radio de Londres como en grandes eventos como a Boiler Room x Telekom Electronic Beats Budapest 2020. No style no rules.
DA ROCHA UM
En paralelo á súa formación e investigación nas artes plásticas, desenvolve a súa carreira como DJ e produtor de música electrónica en Galicia, Portugal, Francia, Barcelona e actualmente Madrid, cidade onde reside e traballa.
Tanto na súa obra plástica como musical, fusiona e contrasta elementos próximos ao relixioso cunha estética e son industrial. Traballa na converxencia entre o contemplativo e o extático, o ancestral e o contemporáneo.
Colaborou e compartiu escenario con artistas como Howie Lee, Shygirl, Toxe, Sega Bodega ou Zutzut, e os seus mixes foron emitidos por radios como Ma3azef, NOODS Radio, Radio Primavera Sound, Dublab.es, ou Radio Relativa. Así mesmo, realiza composicións para pezas de danza contemporánea para compañías e artistas como Richard Mascherin, laSADCUM, Kor’sia ou Compañía Antonio Ruz.