CLORINDAE NAS XORNADAS DE MÚSICA CONTEMPORÁNEA

DATOS BÁSICOS

Clorindae, performance de música e danza [ESTREA ABSOLUTA]

PROGRAMA

Katharina Rosenberger (1971): Bögen para piano a catro mans (2017)

Helena Winkelman (1974): Valse hypnotique (de Trois dances suisses) para piano a catro mans

Cecile Marti (1973): Wendung para piano a catro mans (2016)

Cathy van Eck (1979): Cheering for others makes you a leader para performer (2016)

Song No. 3 para performer (2010)

Celeste Oram (1990): toccata & bruise para piano e pianista (2016)

Jessie Marino (1984): Rot blau for two performers (2009)

 

As creadoras deste proxecto entraron en contacto coa historia de Clorinda a través do madrigal teatral de Claudio Monteverdi Il combattimento di Tancredi e Clorinda. Inspirándose nesta muller guerreira do poema épico de Torquato Tasso La Geruselemme liberata, esta performance toma a figura de Clorinda como símbolo da resiliencia feminina. A base temática do proxecto xira en torno á pregunta ‘Qué significa ser unha muller guerreira hoxe en día?’.

Este espectáculo combina música de compositoras con danza contemporánea nun intento de retratar a loita das mulleres na sociedade actual. Creemos que a arte pode ser unha arma poderosa para concienciar sobre a omnipresencia da misoxinia na vida cotiá.

Clorindae explora as conexións entre a interpretación musical e a expresión física para crear unha experiencia performativa interdisciplinar.

 

Sinforosa Petralia

Nada en Trapani en 1988, estudiou co profesor Pietro De Maria na Scuola di Musica di Fiesole e co profesor Claudio Martínez Mehner na Hochschule für Musik Basel. Gañou premios en varios concursos como Tonino Pardo, Città di Balestrate, Nuovi Orizzonti, G. Rospigliosi, Talent Factory. Ten tocado como solista con orquestras como a Galileo Galilei Orchestra, Kammerorchester Basel, Orchestra Sinfonica del Teatro Massimo, Orchestra Sinfonica Siciliana. É especialmente activa no eido da música de cámara, sendo membro de conxuntos como o premiado Made in Trio e o Ensemble Container (centrado na música contemporánea). Tamén forma dúo co fagotista Gordon Fantini, elixido na plataforma Classeek. Actualmente traballa como acompañante das clased de fagot e saxofón na Hochschule für Musik Basel, baixo a dirección de Sergio Azzolini e Marcus Weiss.

Rosalía Lasheras

Nada en 1994, Rosalía estudia con Alan Weiss no Conservatorio de Utrecht e con Claudio Martínez Mehner e Anton Kernjak na Hochschule für Musik Basel. AdemIs, estuda fortepiano con Edoardo Torbianelli e clavecín con Jörg Andreas Bötticher na Schola Cantorum Basiliensis. Tras gañar o Concurso da Young Pianist Foundation de Ámsterdam, debutou en salas como o Concertgebouw de Ámsterdam, o Tivoli Vredenburg de Utrecht, o Palau de la Música Catalana, a Ópera d’O Cairo, o Konzerthaus de Dortmund e a Herkulessaal de Múnic. Traballou como solista con directores como Philippe Herreweghe e orquestras como a Sinfónica de Galicia, a Noord Nederlands Orkest, a Orquestra Sinfónica d’O Cairo, a Duisburger Philarmoniker e a Orquestra Sinfónica de Basilea. É invitada regularmente a festivais de música de cámara e música contemporánea como as Xornadas de Música Contemporánea de Santiago de Compostela, o Festival Storioni de Eindhoven, o Festival de Música Antigua de Utrecht, o Festival de Música de Cámara de Suíza, o Festival de Música de Cámara de Wissemburgo, etc.

Patrizia Lo Sciuto

Bailarina e coreógrafa siciliana formada no Instituto Rencontres Internationales de danse contemporaine de París baixo a dirección de Françoise e Dominique Dupuy. Tamén estudou o repertorio da Trisha Brown Dance Company e participou como bailarina no proxecto 11 fugas de Bernd Uwe Marszan, solista da compañía Pina Bausch. Formou parte da residencia no CCN Preljocaj en Aix en Provence e en Annonay no Studio chorégraphique La Baraka para crear en 2019 o espectáculo H as Human. Desde 1995 é coreógrafa e bailarina da compañía Moto Armonico Danza, con sede en Sicilia. Os seus espectáculos amosáronse en Italia, Francia, Alemaña e Sudamérica. A compañía Moto Armonico Danza caracterízase pola continua investigación e experimentación sobre a relación entre a música e a danza e a interacción entre bailaríns e músicos.

Entradas: 
  • compostelacultura.gal
  • Despacho de billetes da Zona C. Punto de Información Cultural. De martes a sábado, de 11 a 14 e de 16 a 19 h. Tel.: 981 542 462
  • Despacho de billetes do Teatro Principal. O día do espectáculo desde 1 h antes do comezo do mesmo. Tel.: 981 542 349

PRÉGASE USO PREFERENTE DA WEB PARA A ADQUISICIÓN DE ENTRADAS

PROTOCOLO DE ACCESO A ESPECTÁCULOS PUBLICADO NA PORTADA

Funcións: 
Martes, 14 Xuño, 2022
20:30
Teatro Principal