AUSENCIAS, ESENCIAS, PRESENCIAS. DIÁLOGOS A TRAVÉS DUNHA REFLEXIÓN SOBRE O CORPO

DATOS BÁSICOS

O proxecto curatorial de Aldara Vázquez e Iris Rodríguez é a primeira das intervencións que se abren na Zona C. Durante o ano iranse presentando os proxectos da creación máis nova que precisa de espazos alternativos onde desenvolverse.

O CORPO COMO EXPRESIÓN DA ÁNIMA E DO ESPÍRITU

Ausencias, Esencias, Presencias, expón a necesidade de reivindicar o corpo humano como elemento de reflexión artística. As temáticas relacionadas co corporal son extremadamente vixentes na actualidade, visibilizando colectivos como o LGTBIQ + amósanse corpos lonxe do normativo, reivindicando outras formas de expresión moi poderosas.

Esta exposición xorde da necesidade das e dos creadores de expresarse a través da figura humana, de reinventala, de amosala, de usala como vehículo condutor de coñecemento expoñendo unha serie de características novidosas, dirixidas a unha nova xuventude que quere descubrir novas formas de ser, de ver e de sentir a vida.

Na arte contemporánea atópanse numerosos exemplos de expresión corporal en distintas disciplinas artísticas: Louise Bourgeois e as súas esculturas, Hans Bellmer coas súas fotografías e debuxos, Christian Boltanski e as instalacións sobre a ausencia, as fotografías sobre deformacións de Ana Mendieta ou Ángela de la Cruz coas esculturas que conteñen a figura humana, entre outras. Unha longa lista de referentes artísticos que declaran que as temáticas corpóreas seguen sendo unha constante na arte,  e que son, ademáis, necesarias: o corpo é o único espazo que habitamos enteiramente, que modificamos todos os días, e que é enteiramente noso, individual e único.

A VISIÓN DAS ARTISTAS EMERXENTES: ANDREA MOSQUERA, MARINA ARADAS, LUCÍA PERDIZ, RAQUEL ÁLVAREZ E TAMARA GOBERNA*

Cinco son as artistas que ocupan a planta primeira e segunda da Zona C. Todas elas desenvolven a súa traxectoria na arte contemporánea galega, participando ou sendo convidadas en certámes como o de Novos Cinemas, colaborando en estudos artísticos como Fuck This Studio, con entrevistas na Voz de Galicia, participando en premios como o de novos artistas do Auditorio de Galica, entre outros. Non obstante, todas  están a cursar o último ano de Belas Artes, conformando esta iniciativa un importante apoio nas súas carreiras, xa que alimentan circuítos artísticos vivos tanto dentro dunha institución coma fora dela. Na dualidade de creación de proxectos académicos/ teóricos e persoais e libres é onde reside tamén gran parte do atractivo desta mostra: artistas que están a un só paso de rematar a súa formación mentres que comezan andaduras no mundo profesional, creando unha exposición que poida servir de interese a estudantes para ver traballos de calidade e a un público máis experimentado para coñecer os discursos artísticos das novas xeracións de creadoras.

AS VIVENCIAS E O COTIÁ COMO FONTE PARA A CREACIÓN

O proxecto curatorial parte da coidadosa selección das obras destas artistas para construir unha mostra que fale do corpo como material, como creador de espazos, como expresión e como suxeito receptor dunha mirada voyeurista, con apoio na visión dun público feminino, creando así poéticas inesperadas e xogos simbólicos en relación as ausencias-presencias.

En Ausencias, Esencias, Presencias, percorremos pezas de distintos campos artísticos – videocreación, fotografía, escultura, serigrafía– xa que é importante amosar como distintos medios expresivos poden reflexionar xuntos sobre a mesma idea. Unha nova xeración de artistas que nos farán pensar sobre as formas únicas e personais que teñen de entender a corporeidade: as relacións interpersoais, o corpo posto en relación co espazo habitado, o corpo repousado, como representación do cotiá e como vehículo de expresión de impulsos internos. Novas formas de ver e de sentir que son capaces de reflexar grazas a obras que evocan poéticas sutís, pero desgarradoras, xa que están baseadas nas propias vivencias persoais das autoras.

PROXECTO CURATORIAL DE:

ALDARA VÀZQUEZ ESTÉVEZ, Vigo, 2000

Aldara Vázquez Estévez comezou a súa formación artística no 2016 cursando o Bacharelato de Artes que rematou no 2018, ano no que tamén comeza a estudar o Grao en Belas Artes, que está a rematar neste mesmo ano. A súa traxectoria artística xa conta con exposicións coma: Casa da Xuventude (2018), Sen Moldes III (2019), Mulleres (Rur) Urbanas (2020) e Amor, xénero e outras violencias. Tamén conta con premios e bolsas que avalan a súa profesionalidade nos ámbitos académico e artístico: Primeiro premio no concurso de pintura PintaTui (2017), Premio de Excelencia Académica Grao Xunta de Galicia polo primeiro ano de Grao (2020), Bolsa de Formación en Centros Universitarios na modalidade de Risografía (2021) e Bolsa de Colaboración en Departamentos Universitarios na que está a traballar na actualidade.

IRIS RODRÌGUEZ JUSTO, Vigo, 1997

Iris Rodríguez nace en Vigo. Dende temprana idade interésase polo mundo da arte e comeza a súa carreira artística participando en diversas mostras colectivas no Castelo de Soutomaior. Entre os anos 2016 e 2018 estuda na Escola de Arte Superior e Deseño Mestre Mateo na especialidade de Técnico Superior de artes plásticas e deseño en Técnicas Escultóricas. Nese mesmo ano, como prácticas do ciclo superior, comisaría unha exposición na Galería Olalab (Pegadas na materia) en Santiago de Compostela. Actualmente cursa o derradeiro ano do grao en Belas Artes na facultade de Pontevedra.

__

Imaxe: Porcións, Andrea Mosquera

Imaxe portada: O día que nos bicamos en Praza América,  Raquel Álvarez

Imaxe slide portada: 20:20, Lucía Perdiz

Entradas: 
  • APERTURA 2 DE FEBREIRO ÁS 20.00 H
  • PROTOCOLO DE ACCESO SEGÚN MEDIDAS SANITARIAS VIXENTES

___

  • HORARIO Zona C. Punto de Información Cultural
  • De martes a sábado, de 11 a 14 e de 16 a 19 h
  • Tel.: 981 542 462

 

Funcións: 
Mércores, 2 Febreiro, 2022 a Domingo, 3 Abril, 2022
Zona C. Punto de información cultural