ATRAVESEI A CERCA: RESPIRA! 2021

DATOS BÁSICOS

O festival Alguén que respira!, organizado polo Concello de Santiago, celebra a súa terceira entrega do ano os días 21 e 22 de setembro con dous recitais de grande impacto. Neles, non soamentes poderemos ver e escoitar no Teatro Principal a algunhas das poetas máis escitilantes dos últimos anos en Galicia senón que tamén visitaremos tres espazos singulares da cidade para presenciar as propostas menos convencionais de tres creadores: Séchu Sende, Castillo Suárez e Javier Peñafiel.

Para a segunda xornada, a do día 22, o festival recupera a sección Atravesei a cerca, que o ano pasado non puido celebrarse polas limitacións do protocolo sanitario. E como agora tamén habería problemas para articulalo no Teatro Principal, a organización decidiu levalo a espazos exteriores, aínda mantendo as limitacións de aforo. Deste xeito, os afeccionados terán oportunidade de visitar espazos que de maneira habitual non están abertos ao público, como o museo ao aire libre de Berto Leis, un ferreiro que creou unha sorprendente paisaxe nas hortas da Costa do Vedor. Completan os escenarios do recital a terraza do restaurante A Maceta na rúa de San Pedro e a sorprendente terraza do centro sociocultural da Trisca, na Corredoira das Fraguas.

O percorrido comeza ás 19,30 horas na Maceta cos versos de Séchu Sende e continúa ás 20 horas na Trisca co performer e activista aragonés Javier Peñafiel. Por último, ás 20,30, a poeta vasca Castillo Suárez lerá os seus poemas no museo de Berto Leis.

Nesta cuarta edición, o Alguén que respira! celébrase ao longo do ano en catro programas, coincidindo sempre nos días 21 de solsticios e equinoccións. O pasado 21 de marzo –Día Mundial da Poesía– o festival inaugurouse co manifesto de Manuel Rivas e un recital titulado + ou – 21 [anos], en referencia á idade media dos poetas que integran o programa, e contou coas voces de Iago González, Belén Senín, Maria Bras, Martin Bidaur, María Isern e Mario Obrero. No 21 de xuño, foi a quenda do músico e performer portugués Miguel Azguime, ademais da sesión de regueifa con Manuel Maseda, Lupe Blanco, Josinho da Teixeira e Xurxo Souto. O festival  do 2021 clausurarasese o próximo 21 de decembro, tras un ano de actividade.

O festival

O festival Alguén que respira! é unha iniciativa da Concellería de Acción Cultural do Concello de Santiago de Compostela para apoiar a poesía en todas as súas expresións. O concello conta co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia. O equipo de realización fórmano Antón Lopo na dirección; Cecilia Carballido na produción; Manuel Martínez no deseño gráfico; Baltasar Patiño na iluminación e escenografía; Alexandre Fernández Peón en comunicación e Iris Cochón na coordinación literaria.

Entradas: 

25 prazas que se cubrirán por orde de chegada ao punto de partida (A Maceta, ás 19.30 h).

Funcións: 
Mércores, 22 Setembro, 2021
19:30
Varios lugares