APERTURA E ENTREGA PREMIO CINEUROPA A MARÍA VÁZQUEZ

DATOS BÁSICOS

Premio Cineuropa 2019

María Vázquez

É moi doado pensar que María Vázquez, pola súa xuventude, leva pouco tempo entre nós, pero o certo é que xa a finais do século pasado, en 1998, podiamos atoparnos con ela na serie fenómeno de masas Al salir de clase, unha imitadora máis entre o brat-pack hispano da americana Sensación de vivir. Pero iso foi suficiente para, pouco máis tarde, formar parte do elenco de Silencio roto, nun tempo no que Montxo Armendáriz era o primeira espada do cinema español. A ese papel seguiron outros en O ano da garrapata, do galego Jorge Coira, o reivindicable suspense A noite do irmán ou A golpes. Todo isto ao mesmo tempo que actuaba en diversas series das máis vistas da pequena pantalla, como O comisario ou Hospital central.
Se a vida de María Vázquez fose un guión, poderiamos dicir que o primeiro punto de xiro foi o seu coprotagonismo en Mataharis, de Icíar Bollain, que lle valeu unha candidatura aos Goya e varios premios. A partir de aí, volta ao traballo e a compaxinar sen descanso o cine co medio televisivo.

Hai un novo xiro na carreira de María Vázquez que por un lado a achega de novo a Galicia e, por outra banda, a consagra como a intérprete de pura raza que xa era, encadeando un éxito (de crítica e de público) tras outro: María (y los demás), Fariña, Trote... Cómore deterse un pouco no traballo de Xacio Baño, onde ela é o filme e o filme é ela. Nesta película case sen diálogos, a linguaxe corporal é un retrato perfecto de como artellar un discurso da dor, da soidade e do afogamento vital. Logo virán Vivir sen permiso, Quen a ferro mata e a serie Néboa (a punto de estrearse). Paradoxalmente , canto máis se apega María Vázquez á nosa terra, máis universal se torna. É un orgullo para Cineuropa poder premiar a alguén con tanto talento e no mellor momento  da súa carreira.

Unha vez finalizado o acto inaugural e a entrega de premio a María Vázquez, o público asistente poderá ver o filme 'Ema' de Pablo Larraín

 

EMA (2019)

Pablo Larraín

Chile / 102 min. / Drama / Castelán

 

Ficha artística:Mariana Di Girolamo, Gael García Bernal, Santiago Cabrera, Giannina Fruttero, Catalina Saavedra, Eduardo Paxeco, Mariana Loyola, Paola Giannini, Antonia Giesen, Josefina Fiebelkorn, Susana Hidalgo

 

Ficha técnica:

Guión: Guillermo Calderón, Alejandro Moreno, Pablo Larraín

Fotografía: Sergio Armstrong

Música: Nicolas Jaar

 

Sinopse:

Despois de que un traumático incidente desestabilizase a súa vida familiar e o seu matrimonio cun tempestuoso coreógrafo, Ema, unha bailarina de reguetón, embárcase nunha odisea de liberación persoal. Un drama incendiario sobre a arte, o desexo e a familia moderna.

 

2019: sección oficial da Mostra de Venecia

2019: sección Perlak do Festival de San Sebastián

Entradas: 

De balde previa retirada de convite

Funcións: 
Xoves, 7 Novembro, 2019
20:00
Teatro Principal