BUTACAZERO
EscenaGZ
TerritoriodasMulleres
Idade recomendada: adultos
Duración: 80 min
Idioma: galego
Xan e Mar fican confinados no seu pequeno apartamento por mor dun virus. Estantes cheos de comida, cervexa e papel hixiénico. E todo parece un xogo. Quita o sofá para poñer a cama. Quita a cama para poñer a cea. Saca medio corpo pola pequena fiestra para pillar a wifi da veciñas… E escoitar, ás 20h, os aplausos nos balcóns de quen os ten.
Pasan os días ordenando e limpando. Fan exercicio na bicicleta estática que ninguén recordaba ter. E volta a limpar e a ordenar compulsivamente. Ioga, pilates e abdominais nese intento por acalmar a incredulidade, a incerteza, a indefensión, o medo (o terror). E atopar -entre crise e crise- cousas boas e fermosas: a felicidade das pequenas cousas que non adoita aparecer no estrés da xa vella normalidade.
O caso é que pouco a pouco imos vendo como esta felicidade agocha moita merda debaixo das alfombras. Unha merda que, coma o virus, comeza a expandirse. Non hai traballo, e sen el non hai cartos, e sen cartos non hai comida, nin cervexa nin papel hixiénico. Por se fose pouco as veciñas cortaron o internet.
E daquela, soa o teléfono. O de sempre. O de antes. O antigo. O que xa ninguén recordaba ter. Como a bicicleta estática. Como a vella normalidade. Unha voz informa a Mar dunha nova arrepiante. Unha nova que o vai cambiar absolutamente todo: a nai de Mar acaba de morrer nunha residencia. Pero, a nai de Mar estaba viva? Ah si! É que en realidade, ninguén se acordaba xa dela. Como da bicicleta estática. Como do teléfono vermello que agora queima na propia man.
Autora: Esther F. Carrodeguas
Dirección: Xavier Castiñeira e Esther F. Carrodeguas
Escenografía: Beatriz de Vega
Deseño son: Rodrigo Cuevas
Deseño iluminación: Beatriz de Vega
Vestiario: Alicia Root
Música: Rodrigo Cuevas
Coreografía: Alba Blanco
Elenco artístico: Nuria Gullón e Xurxo Cortázar
Web da compañía: https://butacazero.net/