Do 6 ao 13 de xullo, a cidade de Santiago de Compostela será o epicentro do 27º Soundpainting Think Tank, unha cita internacional que reunirá unha trintena das figuras máis destacadas desta linguaxe de creación multidisciplinar en tempo real.
O Soundpainting, creado por Walter Thompson en Nova York nos anos 70, celebra 50 anos de traxectoria como ferramenta de composición en vivo. Compostela, primeira cidade europea en acoller esta linguaxe hai 25 anos, volve situarse como referente internacional, acollendo un encontro que contará coa participación de representantes de países como Estados Unidos, Suecia, Francia, Israel, Brasil, Turquía, Alemaña ou Galiza, entre outros.
A Orquestra Galega de Liberación será a anfitrioa dun programa que incluirá actuacións abertas ao público, en formatos diversos, nas que compartirá escena coas máis prestixiosas soundpainters internacionais e co propio Walter Thompson.
Un evento único que deixará pegada na cidade e no panorama da creación contemporánea.
Programación aberta ao público
- Domingo 6 de xullo | 20.00 h | Salón Teatro
Concerto de apertura coa Orquestra Galega de Liberación, dirixida por Walter Thompson e Xacobe Martínez Antelo.
- Luns 7 de xullo | 21.00 h | Camalea
Intervención musical con membros da OGL e soundpainters internacionais.
- Martes 8 de xullo | 21.00 h | Modus Vivendi
Acción sonora con artistas do encontro.
- Mércores 9 de xullo | 21.00 h | Borriquita de Belém
Nova sesión performativa co elenco internacional.
- Xoves 10 de xullo | 21.00 h | Casa das Crechas
Intervención artística con músicos da OGL e soundpainters.
- Venres 11 de xullo | 20.00 h | Casa das Máquinas
Concerto de clausura coa Orquestra Galega de Liberación e participantes do Think Tank.
- Domingo 13 de xullo |13.00 h | CGAC
Faladoiro con Walter Thompson e artistas convidados + intervención musical de Suelen Estar Quartet.